Catro "retratos" de CONFORTO
Os periódicos e as televisións veñen ofrecendo fotografías e imaxes de Conforto o suficentemente elocuentes como para que cadaquén consiga ter unha perspectiva máis ou menos clara do que alí acontece. Nas fotos fixas ou nas películas que nos amosan non todo é "grau" nin todo o grau é bo. Nesta época de mallas convén dar ao veo da limpadora para que corra o aire e se vaian o po e as arganas e vaia quedando o trigo.
Lembro cando Indalecio do Alvarez de Soutodemogos viña ca súa limpiadora, xa no outono, para darlle outra volta ao trigo, sempre me sorprendeu que daquel trigo que parecía tan limpo aínda saíse tanta suciedade. Ata que viña Indalecio non se moía o trigo porque non valía para a fornada, o "trigo cego" manchaba a moenda.
Hoxe non teño fotografías novas de Conforto, seguro que por ahí hai infinidade delas en móbiles con moitos pixeles nos petos dos que visitan o santuario. Hoxe interésanme os retratos.
Nestes días, as palabras, as actitudes e ata os silencios foron facendo retratos individuais e colectivos dos que viven, participan e opinan sobre Conforto, a Santa, o "affaire" da ausencia e a súa volta co fillo que lle faltaba dende hai máis de 300 anos. En fin, acontecementos impagables para o que queira escribir unha novela de misterio.
Hai un retrato dos veciños que non cambia que é o da súa preocupación pola Santa e o Santuario e o seu malestar cos curas actuais. O enfoque das televisións seguramente non reflexa nin de lonxe o que é realmente. O que pensan e o que esperan refléxase na frase que lle dixo unha muller a Don Antonio Rúa cando marchaba. Sin levantarse do seu asento na base do cruceiro do atrio da igrexa, espetoulle: "Logo nos vai traer a Santiña, ou...?". O cura respostou á retranqueira labazada dialéctica cunha media sonrisa e seguiu. A frase retrata o que sinten os veciños, o único adorno que leva e o de 528 firmas que van a máis.
O Bispado de Mondoñedo-Ferrol retratouse con pouca luz. Eu non son entendido en fotografía pero se cadra o exceso de velocidade ao disparar impediulle dar un enfoque correcto. Lástima que esa iluminación, non sei si divina, non lles permitise "ler" antes os ISO-ASA da película para que o retrato lles saise mellor.
O retrato dos curas foi cambiando dun día para outro. A foto saíu mal o primeiro día e agora, non sei por que arte de "photoshop" a foto que antes era en branco e negro agora é en color. Onde dixen digo, digo Diego. Onde dixen levamos, digo restauramos. "Deus que os entenda", a min o retrato paréceme escuro, demasiado retocado, ata paréceme pintado.
Patrimonio aínda non se retratou, vai máis lento. Aparentemente non utiliza "técnicas dixitais". Parece que sigue utilizando a técnica do "carrete", que a estas alturas estará "velado" de tanto abrir e pechar a cámara. En vez de retrato vai sair un borrancho mouro. Dime un pescador que o que están facendo é "dar carrete"; pensan que en Conforto "picaron o engado" e agora van soltando fío ata que se cansen.
Moi interesante esto da pesca, da gusto aprender algo novo cada día. Agora non queda outra, na pesca ou no que sexa, "hai que mollarse".
Moi interesante esto da pesca, da gusto aprender algo novo cada día. Agora non queda outra, na pesca ou no que sexa, "hai que mollarse".
Comentarios