ESTO EMPEZA A ARREFRIAR

 

A Tormenta do P.E. “Campos de Goios” ameaza con empeorar. Parece que os ventos son cambiantes e amais de chover de riba tamén vai chover de lado así que hai que mollarse.

Parece que non vai ser suficiente esperar nos soportais do Concello a ver si escampa, tampouco “fabricar un relato” ó xeito do Pazo de Raxoi á medida do “Fuches tu, fuches tu, o que me foi cagar o palleiro”, tampouco facer moito ruído ás primeiras de cambio sen ler ben o que pasou antes de zouparlle ó pandeiro non vaia ser que teña “o pelexo virado”  e bailen “os demos no adro”.

O PP da Pontenova tratando de dixerir o caldeiro de croios que ateigan a xestión do PE da Pontenova. Dicir croios é por dicir algo indixerible e non atribuír delitos os actores deste teatriño que se ven representando con “éxito” dende os anos 80 do século pasado. Só recordar que o dicionario da RAE di que a prevaricación é un delito consistente en que unha autoridade, un xuíz ou un funcionario diten unha resolución a sabendas de que é inxusta.

Está claro que ca Pontenova cometeuse unha grave inxustiza mantendo a situación de ilegalidade do Parque Empresarial e, aínda facendo constar nos documentos públicos de compravenda das parcelas cualificacións urbanísticas que non se correspondían ca realidade, moitas das naves existentes deberían ler a letra pequena dos seus seguros por si nalgún momento as compañías aseguradoras se agarran a “verdade xurídica” que as pode situar na situación de “fora de ordenación”. Para o caso de que houbese prevaricación pode que fora continuada e adornada ca falsidade en documento público que xa teño denunciado e documentado na miña publicación do ano 2014.

Aínda partindo da “presunción” de que todos os que se presentan para ser concelleiros na Pontenova, fano para facer o mellor para os seus veciños, sucumbir a estratexias partidistas doutros niveis que nos seus orzamentos condenan ó rural á inanición económica, non é o mellor bagaxe co que afrontar vindeiras eleccións municipais.

Non ten que ser fácil para o PP dixerir esta pedrada e manter o nome do seu fundador Manuel Fraga no monolito que lembra a inauguración do parque empresarial. Pregúntome eu: Qué veu logo inaugurar Don Manuel se o polígono segue sen estar rematado?. E atribuírse, sen vergoña,  a súa manifestada vontade política de non rematar o polígono porque custa un millón de euros que repartido nos últimos 20 anos sería más menos 50.000,00 euros por ano, entendo que non pode ser motivo de orgullo para os concelleiros do Partido popular.

O BNG, afogado nas súas propias contradicións, xa que logo tivo a posibilidade dende a Consellería da Vivenda e Solo entre os anos 2005 e 2009, de resolver un asunto e púxolle os mesmos atrancos, asumindo as mesmas “razóns” cas que o PP navegou sempre. Tampouco debe ser fácil explicarlle ós concelleiros de forma convincente que podendo ter feito non se fixera e tratar de lavar agora a cara presentando unha emenda ós orzamentos da Xunta para que a Consellería de Industria (sic) manteña as partidas para ampliar o polígono da Pontenova.

O PSOE da Pontenova tratando de copiar porque non se preparou para pasar este exame e agora confundiu a “chuleta” da que copiar co “filete” que se levan “crudo” cada mes. Dende o 2007 o PSOE, gobernando con maioría absoluta na Pontenova demostrou, cando menos o seu exceso de confianza en que os compromisos asinados son para cumprir. Non facer que se cumpran dende fai 18 anos é algo ó que tamén ten que dar resposta se non quer converterse nun colaborador necesario para que se chegue á situación actual. 

Teño que recoñecer que teño a miña cota de culpa polos 4 anos (2007-2011) como tenente de alcalde. Porén está documentado que durante 4 anos polo menos intentouse e quedou a  solución do PXOM  que, de levarse adiante seguramente nos tería noutra situación.

O goberno municipal, Xestur e a Xunta de Galicia, anque pensen outra cousa, teñen agora tres inimigos:

- O primeiro o tempo, o do “tic-tac, tic-tac. Tic-tac”, o cronolóxico non o meteorolóxico. Os que naceron cando Darío Campos foi elixido alcalde xa son maiores de idade e seguramente son dos que “non teñen ningún interese pola política” porque foi algo que  “os pais non soubemos inculcarlles”. Se cadra se deron conta de que neste mundo todo vai moi a presa e as “políticas” van moi “despacio”, sendo xenerosos. Tan despacio van que  o P.E “Campos de Goios” está onde estaba fai 18 anos e se lle aplicamos a “inflación” xa nin me atrevo. Pero esta “inflación” política ven de fai máis tempo. Así, de boas a primeiras, remontámonos á época de Cacharro Pardo, posto tan de moda pola “compulsiva denunciadora fake” Elena Candia. Cando Cacharro andou “de compras” pola Pontenova tamén lle “vendeu” a Enrique Fernández obras a esgalla e cousas que serían a “hostia” para A Pontenova. Enrique Fernández como devoto crente “comulgou” e fíxolle comulgar á Pontenova durante 24 anos pero a túzara realidade repartiunos hostias como pans ata traernos a hoxe tras perder máis do 30% da poboación que tiñamos no ano 2000.

Non fará falta lembrar que Enrique Fernández se converteu no mellor “Alcalde de Meira” grazas a mover do seu asento na vicepresidencia da Deputación ó farmacéutico de Meira, Federico González, a cambio de que A Pontenova quedase sen gardas médicas, sen Axencia de Extensión Agraria, sen Parque Empresarial, ... a saber de onde é o “mellor alcalde” Darío Campos.

- O segundo inimigo son os documentos que constan no Concello, no Instituto Galego da Vivenda e Solo, en Xestur ... Onde constan cronoloxicamente todas as xestións que se fixeron, todos os documentos que se asinaron, tódolos informes que se foron pedindo e facendo. A saber o que daría algún porque non apareceran nunca. A nefasta xestión do Parque Empresarial da Pontenova debería quitarlle o sono a máis de un si finalmente como parece que defende o alcalde, o asunto se xudicializa.

- O relato que nos trae a hemeroteca e o arquivo municipal. Lamentablemente vainos ser máis fácil acceder á hemeroteca que ó arquivo municipal pois aínda segue a ser un “acceso rogado” en tanto na web municipal non se pode consultar ningunha acta do concello, a pesares da obriga legal e ética de facelas públicas.

Está claro que o obxectivo da Xunta de Galicia non é que as cousas “funcionen” senón chegar ás vindeiras eleccións municipais cos alcaldes que non son do PP o máis “debilitados “ posible co fin de “asaltar” as alcaldías como paso previo ó control das deputacións como ferramenta fundamental do “caciquismo” decimonónico que impera sin disimulo e que herdamos do “carallo do 29”.

Xa dixo Aznar que “el que pueda hacer que haga” e vaia se están facendo. Mallan nos alcaldes pero os paus lévanos os cidadáns. Ás probas me remito.

Se o asunto arrefría imos para outros 20 anos. PP, PSdeG-PSOE e BNG van ter que mollarse. 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PORÉN (1)

25 ANOS NON SON NADA

"Pepe do Cerdeiral"