PORÉN (1)




Hai quen pensa que o asunto dos curas que enche a prensa, as redes sociais e moitas conversas dos veciños da Pontenova, está moi politizado. Algúns pensan que dende Ponte Ágora, quen asina, trata de facer "política" deste asunto. Os que así se manifestan tratan de aplicar "política" como adxectivo pexorativo, porén para a maioría, "política" é "substantivo" en moitas das acepcións da RAE.

Xa non participo en política e, por si houbese algunha dúbida, non teño planes de participar a medio prazo, porén non son alleo aos problemas "políticos" do noso Concello e, a estas alturas, non teño problema ningún, só faltaría,  en escribir sobre política municipal.

Na Pontenova nos últimos 60 anos pecharon máis de 300 empresas e as que pretendían ubicarse en terreos deste concello, foron instalarse a outros concellos porque non había solo disponible, porén o Parque empresarial segue sen rematarse.


Tódolos partidos políticos que presentaron candidatura para as eleccións municipais da Pontenova levaron sempre, dende as primeiras eleccións democráticas tralo franquismo, dun xeito ou doutro, o polígono industrial no seu programa, porén no polígono da Pontenova só particulares venden parcelas compradas para voltar a vender.








Xestur vendeu parcelas asinando escrituras nas que inclueu cláusulas co seguinte tenor literal: "Tercera.- La parte adquirente queda obligada a: a).... b) Destinar la parcela a los usos comerciales o industriales,..... c) Edificar la parcela ..... Sexta.- La parte compradora  se obliga a solicitar la correspondiente licencia de edificación en el plazo máximo de tres años.......", poren QUINCE ANOS DESPOIS hai varias parcelas sin construir nin usar.

Xestur vendeu no ano 1997 parcelas onde constaba a "Calificación urbanística.- Está urbanizable con prescripción industrial, conforme a las Normas Subsidiarias de Planeameinto.....", porén o Concello da Pontenova certificou que "es suelo urbano".


Segundo un informe urbanístico do ano 2009 "verbo do Parque Empresarial da Pontenova" elaborado para Xestur Lugo por Monteagudo Avogados "Xestur presentou proxecto de urbanización no Concello e o deber de tramitalo correspondíalle á Corporación", "curiosamente" nunca se tramitou, porén o 26/05/1997 o "Concejal Delegado del Ayuntamiento de A Pontenova" asinou a recepción dunhas obras que oficialmente non existían.



Xestur vendeu parcelas no polígono industrial da Pontenova ás que repercutiu o custo de obras que nunca fixo e asinou convenios modelo "trágala" co Concello da Pontenova para "dar por rematado" o polígono, porén nin o goberno municipal nin Xestur fan amago de cumprir os seus compromisos.



Segue a demandarse solo industrial a prezos razoables para que as poucas empresas que teñen potencial, posibilidades e intención de medrar poidan facelo sen necesidade de "deslocalizarse", porén queren cobrarlles o metro cadrado de solo industrial a máis de 40 euros.


Os veciños de Goios libráronse pola vía xudicial da "invasión" das súas terras "agrarias" por unha burbulla de terreo industrial que evidenciaba xa unha desmesura que despois se constatou na liquidación de IPV, porén o seu chan segue agora sendo rústico de protección agropecuaria.



Unha das vías de solución para o remate do polígono industrial da Pontenova pasa por requerir a Xestur por calquera vía na que resposten, sen descartar ningunha, o cumprimento dos seus compromisos, porén o goberno e a oposición no Concello da Pontenova entregáronse á espera contemplativa, repanchigados nos seus sillóns para que non se vexan as vergoñas que gardan celosamente nas axendas pechadas dos seus partidos nas súas etapas de goberno na Xunta de Galicia.

Outra vía de solución para o polígono da Pontenova pasa pola aprobación dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), como ferramenta de definición dos usos do solo, que se veu estirado no tempo ata "romper" por distintas lexislacións autonómicas que serven de coartada, porén gardouse no 2011 na moxega a onde van os trámites e proxectos que nunca se rematan ata que o muiño do tempo os revirta a materia reciclábel.



Xestur sacará a concurso preto de dous millons de metros cadrados de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% no prezo de venda , porén A Pontenova non aparece na lista dos polígonos industriais bonificados.



O "arranxo do campo de fútbol e das pistas de tenis" son as "estrelas" dos orzamentos municipais. Para saber da necesidade do arranxo basta falar cos xogadores do Sporting, porén as prioridades pasan polos que o propio linguaxe político-administrativo chama investimentos produtivos, por exemplo ofertar solo industrial a un prezo razoable.  

"Cara á próxima lexislatura a residencia de anciáns é primordial", porén "facer o edificio non é nada".

Si sometemos os números a tortura dicen o que queiramos que digan, porén si dividimos 40.000,00 euros entre 14  vainos dar sempre 2.857,14 euros.

(1) Conxunción

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO