ter unha liorta xudicial cos veciños de Goios foi o único mérito que ate o de agora conseguiu a xestión que fixo o PP no Polígono da Pontenova.


Texto íntegro da nota de prensa que o PSdeG-PSOE da Pontenova remitiu ós medios de comunicación e que aínda non tivo eco.

NOTA DE PRENSA DO PSdeG-PSOE DA PONTENOVA SOBOR DA SITUACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL.
03/09/2007

Descoñecemos os motivos dista teima do voceiro do PP na Pontenova por darlle voltas ó pasado pero, anque nós sempre dixemos que iamos mirar adiante, non nos queda máis remedio que dedicar parte do noso tempo en contestar ás medias verdades das que tanto gusta o PP da Pontenova, ademais de arranxar as numerosas desfeitas de todo tipo que herdamos.

Lendo as declaracións do voceiro popular chegamos á conclusión de que segue sen enterarse do que pasa co Polígono Industrial. Esta mesma situación dábase cando gobernaban no Concello, onde dende a comodidade da ignorancia apoiaron verdadeiros despropósitos sen mover un dedo para non incomodar ó “xefe”.

Coido que é hora de que os veciños saiban o que se fixo, se está a facer e para que se fai co polígono industrial da Pontenova; é, polo tanto, necesario facer as seguintes aclaracións:

¿Por qué o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE apoiamos a modificación urbanística que tiña plantexada o goberno do PP e que propoñía a ampliación do Parque Empresarial sobre da Chousa de Goios?

1º.- Porque as licencias de obra estaban suspendidas en todo o Polígono ó incluíren toda a súa superficie (a construída con empresas en funcionamento tamén) na modificación das normas para a ampliación do polígono hacia a Chousa de Goios.

2º.- Porque este era o procedemento mais curto para desbloquear a situación e superar unha situación de por si insostible, xa que hai licencias pendentes de tramitar por ser imposible legalmente sen incorrer en delito de prevaricación.

Hai licencias tramitadas e concedidas pola Xunta de Goberno do PP da que formaba parte o Voceiro Jorge García que poideran ser ilegais.

¿Por qué estaban as licencias en suspenso no polígono xa construído?

1º.- Tecnicamente debido á súa inclusión na modificación indicada que provocou que aqueles que tiñan edificacións legais en solo industrial pasaron a ter as súas naves fora de ordenación sobre solo rústico.

2º.- Politicamente non ten explicación que o PP, gobernante naquel entón, non fose consciente da delicada situación na que puxo ós propietarios do polígono a pesares das advertencias do redactor do proxecto de modificación.

¿Por qué se chegou a esta situación?

Xestur como responsable da construcción do Polígono industrial e “teórico” propietario da maioría das parcelas non construídas, tiña que ter posto a disposición do Concello a superficie destinada a solo dotacional no proxecto do polígono.

As parcelas destinadas a zona dotacional seguen sendo propiedade dos seus titulares orixinais, o cal supón:

1º.- Que o polígono está sen rematar en tanto non se poñan estas parcelas a disposición do Concello.

2º.- Que os propietarios do polígono actual pagaron a Xestur un prezo/m2 que incluía a superficie dotacional e as obras correspondentes, co cal falta que os responsables o expliquen ós propietarios.
O Goberno do PP no Concello quixo solucionar un problema a Xestur, xa que o incluír o polígono actual máis a súa ampliación na mesma modificación de normas permitíanlle unificar a zona dotacional de xeito que ademais de resultarlle máis barata tapaba a irregularidade de ter o polígono sen rematar.

¿Cál é a nosa proposta?
Calquera proposta do grupo do PSdeG-PSOE pasará sempre polo consenso cos propietarios ou, cando menos, ca maioría deles. Polo tanto neso traballamos e ese é o noso obxectivo.

Nós non estamos dispostos a entrar nin a continuar con disputas xudiciais que frean o desenvolvemento da Pontenova e non aportan mais que crispación cos propietarios e dificultades para a industria, a construcción e o comercio e polo tanto para o crecemento económico e o benestar dos nosos veciños.

Non nos podemos permitir o luxo de xudicializar ou non rematar coa xudicialización do proceso de construcción do novo polígono tal e como se fixo ca reparcelación da Chousa de Vilaoudriz, onde tras 20 anos de liortas aínda está pendente de rematar co que puido ser, de chegar a tempo, un dos máis importantes espacios de desenvolvemento urbano da Pontenova.

¿Cál é a situación actual?

Barallamos varias alternativas de ubicación con distintas dificultades pero con posibilidades de solución no curto prazo e con un custo razoable para cubrir a demanda de solo a medio prazo.

Contamos con instrumentos para xestionar o solo e ca vontade decidida de facelo dun xeito áxil e transparente. O que non queremos engadir nunca é a dificultade da oposición veciñal.

Darío Campos e o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE na Pontenova non se pretenden colgar o “mérito” de ter unha liorta xudicial cos veciños de Goios que foi o que ate o de agora conseguiu a xestión que fixo o PP no Polígono da Pontenova.

O problema do Polígono non se reduce a un informe preceptivo da Xunta, como quer facer ver o Voceiro popular, senón que é o resultado dunha xestión caprichosa, improvisada, alonxada da realidade e carente dun mínimo de sentidiño para facer as cousas que afectan á economía e a convivencia dos cidadáns.

Non imos cambiar ningunha coma dese proxecto do PP, imos cambiar o proxecto íntegro, a súa ubicación e a forma de facelo e imos deixalo como un exemplo do xeito en que non se deben facer as cousas.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO