A PONTENOVA. DEUDORES CA VERDADE, A XUSTIZA E A REPARACIÓN.
O 20 de outubro de 2022 publicouse no BOE a Lei de Memoria Democrática na que se recoñece que “a sociedade española ten un deber de memoria cas persoas que foron perseguidas, encadeadas, torturadas e incluso perderon os seus bens e ata a propia vida na defensa da democracia e a liberdade”.
“A memoria das vítimas do golpe de Estado, a Guerra de España e a ditadura franquista, o seu recoñecemento, reparación e dignificación, representan, polo tanto, un inescusable deber moral na vida política i é signo da calidade da democracia. A historia non pode construírse dende o esquecemento e o silenciamento dos vencidos”.
“o réxime franquista impuxo dende os seus inicios unha poderosa política de memoria que excluía, criminalizaba, estigmatizaba e invisibilizaba radicalmente ás vítimas vencidas tras do triunfo do golpe militar contra a República legalmente constituída”.
“A lei componse de cinco títulos estruturados en torno ao protagonismo e a reparación integral das vítimas da Guerra e a Ditadura, así como as políticas de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición”.
Segundo o “Artigo 1. Obxecto e finalidade:
1.- A presente lei ten por obxecto a recuperación, salvagarda e difusión da memoria democrática, entendida esta como coñecemento da reivindicación e defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais ó largo da historia contemporánea de España, co fin de fomentar a cohesión e solidariedade entre as diversas xeracións en torno ós principios, valores e liberdades constitucionais.
2.- Asimesmo, é obxecto desta lei o recoñecemento dos que padeceron persecución ou violencia, por razóns políticas, ideolóxicas, de pensamento ou opinión, de conciencia ou crenza relixiosa, de orientación e identidade sexual, durante o período comprendido entre o 18 de xullo de 1936, a Guerra de España e a Ditadura franquista ata a entrada en vigor da Constitución Española de 1978, así como promover a súa reparación moral e a recuperación da súa memoria persoal, familiar e colectiva, adoptar medidas complementarias destinadas a suprimir elementos de división entre cidadanía e promover lazos de unión en torno ós valores, principios e dereitos constitucionais”.
Por primeira vez en 44 anos de democracia condénase o golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e declárase ilegal o réxime franquista e declárase o día 31 de outubro de cada ano como día de lembranza e homenaxe a tódalas vítimas do golpe militar, a guerra e a ditadura.
É lamentable que o primeiro ano en que se celebra o acto de lembranza o 31/10/2022, sexan tan sonoras as ausencias por parte da dereita democrática e “constitucionalista”, ofrecendo un retrato que lonxe da lamentable “equidistancia” de moitos dos seus dirixentes que poñen no mesmo nivel as institucións democráticas da república e o golpe de estado do 18 de xullo do 36, amosa un claro escoramento cara o lado no que sempre estiveron e do que son herdeiros voluntarios.
Para o caso da Pontenova, lonxe quedan aqueles intentos do ano 2010 por tratar de botar un pouco de luz sobre ás vítimas do franquismo en A Pontenova e que por motivos que haberá que explicar nalgún momento quedaron aparcados tanto por parte das institucións como da sociedade civil.
Foron moitas as vítimas, naturais ou vinculadas a Viloudriz e Vilameá, que permaneceron ocultadas para varias xeracións. Non falamos só dos asasinados, axustizados, mortos na cadea ou encadeados temporalmente. É necesario tamén falar desa outra represión xorda que se exercía dende as administracións públicas, as escolas, as igrexas, ... pero para iso necesitamos coñecer a verdade.
A verdade non é algo cómodo ou previsible pero resulta imprescindible para que exista unha garantía de non repetición.
Hoxe, día de Santos, como tódolos anos acudimos aos cemiterios. O de Conforto acolle os restos de José María Torviso Bermúdez, moi preto dos de meu pai, meu avó, meu tío,... Sei que no de Vilameá están os do que era alcalde de Vilameá en 1936, Francisco García Muruais pero descoñezo onde están os doutras vítimas.
Na Pontenova seguiremos tendo unha democracia de moi baixa calidade si non somos capaces de recoñecer as vítimas do golpe e da represión da ditadura e poñer os medios para que a súa memoria se coñeza.
Se ben é certo que existe un número moi superior de vítimas, represaliados e depurados, para facerse unha idea de cal era o obxectivo dos golpistas aporto un pequeno listado que calquera pode consultar nos arquivos do proxecto NOMES E VOCES da Universidade de Santiago e no PARES.
Hoxe rematei de ler un libro de José Francisco Rodil Lombardía no que fala de como determinados persoeiros de Lugo urdiron unha trama para acabar ca vida do Doutor Don Rafael de Vega Barrera mediante a pantomima dun xuizo sumarísimo.
Ó longo do libro que se titula Sentencia, aparecen en varias ocasións referencias a vítimas da Pontenova que seguiron a mesma sorte. Seguramente a “sorte” de Don Rafael de Vega Barrera me lembrou á de José María Torviso Bermúdez, Ángel Pérez Gándara ou a familia de Aragón do Cerdeiral que “perdeu” 3 irmáns e un cuñado, seguramente porque eran un importante “estorbo” profesional, social ou político para os seus vitimarios. Co amparo dos golpistas e cas súas ferramentas de legalidade impostada que se arrogaron, masacraron a todos aqueles que poñían en perigo os seus privilexios.
En fin. Desto vai a débeda que os cidadáns da Pontenova temos co noso pasado. VERDADE, XUSTIZA, REPARACIÓN E GARANTÍAS DE NON REPETICIÓN
Comentarios