Mentir é pecado venial


Hai que mirar o filtro da lavadora. A él van parar moitas das cousas que deixamos nos petos dos pantalóns e das chaquetas. Cun pouco de sorte atoparemos alí algunha das cousas que damos por perdidas. 
Non é que hoxe me dese polos "consellos domésticos" pero o meu "ritual dominical" de mercar uns periódicos buscando, podendo ser, algunha "boa nova" ca que animar o domingo, levoume a atopar unha, non sei si carta?, artigo?, como queira que lle chamen, onde "un grupo de vecinos" quer "poner las cosas claras y dar la cara" "en apoyo del Cura de A Pontenova". Curiosa forma de "dar la cara", que viva a liberdade de expresión....!. 
Este "grupo de vecinos", non teño por que dubidar que ben intencionados, parece que non queren entrar no da imaxe da Santa de Conforto e soio din que "lo único que intentaron hacer los sacerdotes fue lavarle la ropa y adecentarla para dar una sorpresa a los feligreses".
Por iso digo que hai que mirar no filtro da lavadora por si alí quedaron os exvotos e obxectos de ouro que adornaban os vestidos da Santa xusto antes do "lavado". Xa se sabe que nos centrifugados das lavadoras modernas das cousas que se lavan poden desprenderse obxectos que se van polos desaugues e pérdense para sempre entre a inmundicia que enche as cloacas.
De calquer maneira o de "adecentala" paréceme ademáis de excesivo, unha falla de respecto á propia Santa. A min sempre me pareceu decente.
A indecencia paréceme que ten máis que ver co feito probado de que se usase unha broca de 10 mm para taladrar a pedra na que colleu forma a Santa de Conforto aló polo século XV, ca intención de introducir unha varilla roscada para atornillala a non se sabe qué.
Digo esto porque o do taladro non ten nada que ver co do lavado da roupa. A simple vista paréceme un pouco máis agresivo que un sinxelo lavado. Agora os xabróns de lavadora son moi agresivos pero seguro que non usan taladros nin brocas de widia. En vez de levar "osíxeno activo" levarían taladros percutores. De tódolos xeitos a limpeza foi total.
No que estou totalmente de acordo co "grupo de vecinos" e co de que deron "una sorpresa a los feligreses". Madia leva..!, máis que sorpresa déronlles un "sopapo". Eso, o da sorpresa me refiro, sábeno xa dende o Director Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia ata o Núncio Apostólico en España, pasando pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os fregreses esperan ver con qué nos sorprenden agora todos e cada un eles. Polo de agora a "sorpresa" é que non me consta que haxa sorpresa.
Non sei, nin lle vou preguntar, a Don Xosé Anxo si estará moi contento con este "grupo de vecinos" que para defendelo din que todo esto de Conforto foi "por ignorancia". Con este calificativo, de ignorante, estano condenando de antemán, por aquelo de que "a ignorancia das leis non exime do seu cumprimento". Afortunadamente vivimos nun Estado de Dereito onde todos somos iguais diante da lei, ou casi. 
Non sería xusto que a un veciño noso lle quixesen impoñer unha multa de 10.000.000 pts (60.101,21 euros) por tentar tumbar un hórreo e que os curas que causaron na imaxe "lesións irreversibles" se fosen "de rositas" amparándose na súa bondadosa ignorancia.
Non son eu o máis indicado para cualificar de poucas ou moitas as misas que se celebran nas parroquias. Non me afecta, salvo no feito de que unha parte dos meus impostos e dos de todos se destinan á Igrexa católica ó mesmo tempo que se suprimen camas hospitalarias. Se cadra por eso podería entenderse que os fregreses "paganos" tamén teñen algún dereito a esixir determinados "servizos relixiosos". En fin, para min hai misas abondas, o que non hai e suficente "boa fe".
O que si é seguro é que as familias que tiveron a desgraza de enterrar algún dos seus membros teñen versións particulares, en moitos casos radicalmente distintas ás do "grupo de vecinos" que "dan la cara" "en apoyo al cura de A Pontenva".
Do resto dos "párrafos" vou falar con certa prudencia, xa que logo neles se están a imputar a persoas perfectamente identificables algunhas accións que poden constituir delitos e esas persoas estarán no seu dereito de defenderse. Aínda así coido que no conxunto o escrito trata de dividir máis que unir e non esaxero si califico algunha das afirmacións de clasistas, faltonas ou directamente irrespetuosas ca memoria dunha persoa falecida, á que precisamente ese "grupo de vecinos", como cristiáns de fachenda deberían deixar descansar en paz. 
 O que parece seguro é que con apoios deste tipo, a Don Xosé Anxo non lle fan falla "los de siempre" para desexar irse lonxe da Pontenova. Supoño que non sentirá a necesidade de confesar  a este "grupo de vecinos" que o apoian. Seguramente eles contan como verdades verdadeiras as mentiras que lles contaron. Aínda así tampouco é tan importante, xa que logo mentir é pecado venial.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO