Conforto nun "Relato Salvaxe"



Unha Santa que se ispe diante da multitude para demostrar a súa inmaculada auténticidade tardogótica, aparece desmellorada despois dun frenético ir e vir nunha bolsa de “El corte Inglés”. Sin saberse a onde nin con quen. De volta trae no colo un fillo que ninguén coñecera, que faltaba dende a época da Inquisición. O rapaz descoñecido produce marmulacións de pecados inconfesables.

Un cura que fachendea da súa erudita formación artística ao tempo que se aplica afanoso a  taladrar cunha broca do 10 (de Widia por suposto) unha, presuntamente auténtica, talla do século XV, para introducirlle, artísticamente, unha “varilla roscada”. Algúns din que o do taladro foi “o canteiro descoñecido” do que hai cara pero non nome nin enderezo.


Un Párroco de aparencia feble, empeñado en demostrala, que arrastra o seu arrepentimento como se fose unha cruz da que nin intenta sacudirse. Camiña temeroso e trémulo cara un destino incerto, seguramente lonxe da súas parroquias.

Un carísimo botón de “clergyman” que salta pola descomunal sacudida clerical dunha muller e que a leva ao banquiño xudicial. Ela segue agarrada a unha cadea de ouro que colgaba do pescozo da Santa e que xa non está. Ou, se cadra xa está, porque cando se trata de santos “hai milagres”.

Unha coral parroquial que ensaia insistentemente a peza final dun “auto sacramental” a medio escribir, sin música nin letra pero co tono moi ben collido. Aqueles ensaios que empezaron co “acabástes co santuario” templaron voces para seguir soando e ensaio tras ensaio rematarán por parecerse ao coro dos escravos Le memorie nel petto raccendi, ci favella del tempo che fu!  (Revive nos nosos peitos a lembranza // ¡Fálanos do tempo que foi!) insisten. Hai quen escoita  “que volva Don Manuel”(bis) e insisten. O coro vai medrando ao paso polas parroquias.


Un Bispo, mal pastor que divide as súas "ovellas". Marca e distingue entre bos e malos, mentras predica “todos somos fillos de Deus”. Manda emisarios para falar cos “pecadores”, e recibe presto e garimoso aos “mansos, pios, confesados e comulgadores”. No medio da nada, sin decir nada, na súa ilustrísima e excelentísima altura moral, indubitada. Súpetamente parece ter unha posición, berra nunha nota de prensa “só se van facer enterros”. Vaia, confundimos posición con “postura”. Se cadra colleu un "aire" e padece unha "tortícolis". Alguén deixou a porta aberta e agora moitos salen por ela prometendo non volver a entrar.

Ademáis hai outras fotos fixas que enchen esta película, que foron retratando aos protagonistas dun xeito crudo e despiadado. En sepia, branco e negro e en color, todo ten sentido para un guión de cine. Quen sabe se no futuro alguén adapta esta novela negra por entregas para facer un guión dunha película; de momento os actores non teñen descanso.

Esta podería ser parte da trama dun sétimo “relato salvaxe” da película do arxentino Damián Szifron. Unha enchente de reaccións irracionais que se producen cando “algo sangra, cando algo rompe, cando algo estoupa”.

Do que estou seguro é de que en Conforto naide prexuzgou nada, os prexuizos fóronse amontoando polo camiño ata ferir, ata romper, ata estoupar... Dende o Bispado din que en todo esto hai moita violencia. Seguramente este relato tamén lles parecería violento se o lesen, pero “eu estou describindo a realidade, Onde está a violencia?”.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO