ALMANAQUES, CALENDARIOS E AXENDAS


Acabo de botarlle unha ollada o almanaque do Concello que tivo a ben entregar en persoa o Alcalde da Pontenova. É de xustiza recoñecer o seu valor, o do almanaque refírome. 

Ten unha gran calidade de edición e un valor gráfico e histórico que, ben seguro, garda detrás un importante  traballo profesional a recoñecer a quen corresponda.

Comparto co alcalde que, como calquera outro, é un bo momento “para facer balance da nosa actuación e reflexionar”. Agradezo a intención, pero non di o que parece querer dicir cando nos desexa un “ventureiro ano”. 

É de supoñer que se trata dun erro de vocabulario. Si nos baseamos só no que significa ventureiro  segundo a RAG, estamos diante do nome que recibe a “planta que nace sen ser plantada nin sementada” ou “animal doméstico que vive fora da casa, procurando el mesmo o seu propio alimento”. Porén, ven a conto e puidera ser ben acaído para o que sigue.

O que nos deu o Concello de man do alcalde foi un “almanaque”, ben traído, pero a súa entrega non deberá estar na “axenda” do alcalde por motivos de “calendario” ou “calendarios”.

 Almanaque, para a RAG, na súa primeira acepción é “a folla, caderno ou bloque de follas que recolle a representación dos días do ano, agrupados por meses, ás veces acompañados de datos referentes a cada día, como as fases da Lúa, saída e posta do Sol, os santos e festas que se celebran, etc.”, o que ven sendo o que nos “regalou” o Concello.

Axenda, para a RAG na súa primeira acepción, é o “libro ou caderno onde se apuntan as cousas de interese como aquilo que se ten que facer”. Polo menos todo aquelo que é importante e sobre todo o que é obrigado e ineludible facer.

Calendario, para a RAG na súa primeira acepción, é “o sistema de distribución de tempos en anos, meses e días”. so que aparece nos proxectos como “Calendario de execución”.

Ó mesmo tempo que Carmela López Moreno tomaba posesión como nova presidenta da Deputación de Lugo, segundo o “calendario” imposto polo presidente saínte, o noso alcalde, ex presidente da mesma Deputación, repartía persoalmente os “almanaques” do concello do 2026, como ben pensado que son, supoño que se esqueceu de anotar o acto institucional na súa “axenda”.


Se fose mal pensado, diría que ó noso alcalde falloulle o “servizo de protocolo”, non quero pensar que faltou á toma de posesión da Presidenta da Deputación conscientemente e a propósito e, se cadra,  co ánimo de demostralas súas dotes “diplomáticas” facendo que se notase a falta dun ex presidente e actual alcalde dun concello da provincia. 

Por certo, si a intención era que se notase, notouse e, dou fe, que foi comentado non só na Pontenova. Sinto non ter o “alcance” suficiente para entender esta “sonora” ausencia.

  “Non me apetecía” ou  “non pintaba nada alí” non caben no catálogo de desculpas dun cargo público para estar ou non estar nun acto institucional ao que está obrigado a asistir, anque só sexa porque exerce a representación dos seus veciños. 

Os cargos públicos teñen unha serie de responsabilidades políticas que en ningún momento poden quedar á continxencia do seu “estado de ánimo” ou do desgusto que lle poda ocasionar estar na Deputación ou con determinadas persoas.

 O caso é que A Pontenova non se pode permitir o luxo de non estar representada polo seu alcalde na toma de posesión da nova Presidenta da Deputación, principalmente porque pode ser a mellor valedora para desatoar o “calendario” de todo o relacionado co centro de día e residencia de maiores, entre outras cousas.

En tanto o noso alcalde se preocupa do “almanaque” do Concello do 2026 que, por outra banda, outros anos repartía o servizo de Correos, a saber por que este ano non, os cidadáns da Pontenova estamos preocupados polos “CALENDARIOS” que realmente nos afectan, algúns deles teñen sinalados varios fitos en datas do século pasado. A saber:

- O “calendario” para rematar o “Parque Empresarial Campos de Goios” (a toponimia esta é nova ¿?). 

- O “calendario” para ter solo dispoñible para instalación das empresas que o teñen reclamado anque Xestur non se dera por enterado polo motivo que sexa.

- O “calendario para rematar o Centro de Día e Residencia de Maiores da Pontenova. Se imos por partes “só falta”: Rematar a construción do edificio, urbanizar o entorno, rematar as instalacións eléctricas, rematar as instalacións de auga e calefacción, licitar e contratar o amoblamento, convocar as prazas do persoal necesario, seleccionar o persoal axeitado e, finalmente, contratalo.

- O calendario de visitas á Mina e de uso da Tirolina, como ben público titularidade do Concello da Pontenova, para a que non se poden facer reservas dende o pasado mes de novembro e por un prazo non publicado.

- O calendario de recuperación dunha certa normalidade no Centro de Saúde, onde actualmente para obter unha cita de atención primaria ou para analíticas hai que esperar un mínimo de unha semana ou dúas se a metade do prazo hai algún “problema” ca presenza de médicos.

Estes son algúns “calendarios” descoñecidos e pendentes pero hai uns cantos máis que tamén son bastante “elásticos”, por ser xenerosos.

Algún destes “calendarios” dependen directamente da Deputación de Lugo polo que é conveniente non perderlles o fío. E o fío tamén está na presenza nos actos institucionais onde se fai algo máis que “confraternizar” e “contar chistes de dubidosa gracia” cos amigotes con cargos públicos.

Hai que recoñecer que un non sempre se atopa cómodo nos sitios a onde ten a obriga de ir, xa sexa esta unha obriga social, moral, persoal ou política. De calquera xeito, morto Franco fai 50 anos e chegada a democracia, non é obrigado ir á misa os domingos e festas de gardar e ser alcalde tampouco. 

Algúns dos que nos sentimos incómodos ca forma de incumprir a “axenda” política comprometida no programa electoral e que entendemos como un contrato ca Pontenova. Os que nos incomodamos co alongamento e aprazamento exasperante do “calendario” dos proxectos prometidos e con compromisos ós que houbo que renunciar porque segundo algún “líder” provincial opinaba, aquí “para gañar as vindeiras eleccións municipais xa se fixo o suficiente”. 

Ós que nos incomodaba non aproveitar as OPORTUNIDADES POLÍTICAS para facer todo o que se puidese pola Pontenova no menor tempo posible, fómonos despois de dalo “todo a cambio de nada” e en silencio. Con todo a vida segue. 

Cousa distinta é que guste ser alcalde para algunhas cousas e para outras non. Porén non vou ser eu quen lle pida a ninguén  que permaneza nun cargo onde cumprir cas súas obrigas políticas lle resulta “incómodo”, tampouco quen lle “resolva” esas incomodidades. Máis incómodo  resulta ós que votaron porque lles dixeron que “faremos máis”  e despois de gañar  fan o que fan ou “fan que fan”.

Tamén hai a posibilidade de que pensen que o están facendo ben. Entón, se é así, quedo realmente preocupado.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PORÉN (1)

ESTO EMPEZA A ARREFRIAR

25 ANOS NON SON NADA