MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO

Mañá toca votar e aínda non puiden contrastar os “programas” dos partidos que se presentan. Algúns parece que non o teñen porque de Galicia falaron máis ben pouco. Abrín os sobres que mandaron e vexo que o “programa” non ven co resto dos papeis. Como a estas horas xa non me da tempo a buscar eses programas, cando menos vou ler as cartas que mandan e ver por onde vai cadaquén. Non quero votar como un animal.

Dime Rueda na súa carta que “A economía galega vende ao estranxeiro o dobre que antes” pero non me aclara canto é iso en diñeiro, canto nos deixa en Galicia en postos de traballo, en riqueza ou en impostos; tampouco me explica o peso que nesas exportación ten a produción eléctrica eólica que está inzando Galicia e que produce beneficios a empresas con domicilio fiscal en Madrid.

Dime seguidamente que “seremos os primeiros en ter universidade gratuíta tamén”, pero non se lembra das veces que dixo non a esta proposta feita dende a oposición nin de que unha das primeiras medidas do PP tralo goberno de Touriño foi suprimir a gratuidade dos libros de texto para primaria e secundaria obrigatoria.

Dime tamén que “reforzouse a sanidade pública con 7000 traballadores e novas prestacións”, do que non me fala é das listas de espera fantasma (...”non lle damos agora cita, xa o chamaremos”) onde milleiros de galegos están esperando por consultas ou probas pero non constan en ningunha lista de espera. Tampouco me di nada do estado de abandono por falta de mantemento e limpeza do HULA, nin do trato que reciben os pacientes no servizo de xeriatría, por dicir un, onde por cuestións exclusivamente económicas danse “altas” con criterios médicos de dubidosa ética profesional que se resumen nas lapidarias frases do “profesional” que xustifica: “...teño que dala de alta, non a podo ter un día máis, facemos as probas pero non vai cambiar os tratamentos nin a decisión de alta”. 

Doe ver a foto de Fernando Veiga na sala e ver que o servizo que él dirixía en Calde fai máis de 20 anos prestaba uns servizos infinitamente máis humanos e profesionais que os que se prestan agora no HULA, con todas as comodidades e dotacións tecnolóxicas que ten.  Lembro que no ano 2001 para facer unha simple radiografía a meu pai ingresado en Calde, tiñan que levalo nunha ambulancia ó antigo hospital e volver a levalo unha vez feita e, aínda así, a atención médica era notablemente mellor. E en ningún momento se pode culpar ós profesionais que se ven forzados polas circunstancias, condicionamentos e condicións nas que teñen que traballar

No caso da sanidade apetéceme describir o trato que reciben as persoas maiores ingresadas no servizo de xeriatría procedentes de residencias públicas, concertadas e privadas, porén, tendo en conta que non teño claro se o que vin pode supoñer a imputación dalgún delito, no seu momento usarei as vías axeitadas para denuncialo.

Non me di nada tampouco da precariedade que teñen os profesionais, tanto médicos como enfermería que se sinceran de cando en vez dicindo que non saben si o resto do proceso o van poder levar eles porque son “interinos” e non saben a curto prazo como vai ser a súa situación profesional. Logo parécenos raro que Reino Unido, Alemaña e mesmo Portugal estean inzados de médicos galegos e españois aos que formamos en Galicia pero non lles ofrecemos ningunha estabilidade profesional.

O que máis me sorprende é que me diga que “pagamos menos impostos, case 500,00 euros menos na declaración da renda”. Para acadar este "beneficio" fiscal habería que facer un auténtico encaixe de bolillos de circunstancias persoais, de ingresos, de gastos e investimentos que é imposible que se dean na práctica. Polo feito de vivir en Galicia, unha persoa solteira sen fillos con casa propia que gañe 16.000,00 ó ano, aforra 41 euros. Si os ingresos son de 22.000 euros aforra 95 euros. Si os ingresos son de 30.000 eur o aforro é de 132 euros. Si gañase 80.000 euros aforraría 164 euros. Isto é a realidade dos cálculos, todo o demais é demagoxia electoral.

Con todo, deixar de pagar impostos a cambio do deterioro evidente dos servizos públicos en xeral e moi particularmente a sanidade e a educación, é un mal negocio para o cidadán e para os profesionais que prestan os servizos. Os profesionais e os usuarios dos servizos estamos do mesmo lado.

Asimesmo, con respecto ós impostos, sempre que fago a liquidación dun imposto de sucesións, teño comprobado que son poucos (en realidade non me tocou ningún) os que se benefician da “exención” de 1.000.000,00 euros da que “desfrutamos” en Galicia, por desgraza a maioría das herdanzas chégalles ca de 300.000,00 euros que tiñamos ata fai uns anos. Ca publicidade dun beneficio fiscal que non beneficia á maioría buscouse un impresentable beneficio para unha minoría e, parvos de nós, “comprámosllelo”. Para que logo digan que os galegos somos pesimistas.

Con unha media verdade e 3 mentiras flagrantes en apenas 23 liñas e, tendo en conta que non comparto a “equidistancia” con respecto ó tratamento do galego (a carta ven en galego e en castelán e as eleccións son galegas,... aínda que o PP se empeña en que é un referendo sobre a amnistía e o “terrorismo” catalán),  parece que teño claro que non votarei PP, o cal non é unha novidade para min que nunca votei tal opción.

Dime Besteiro que “aposta pola economía verde e a reindustrialización, que é quen de reter todo o talento que xeramos nas nosas universidades e escolas, apostar pola mellora e expansión dos servizos públicos, de conectar todo o territorio e rachar coa Galicia a dúas velocidades, de construír un modelo de país que poña a Galicia no lugar que lle corresponde”. Se cadra boto de menos un discurso ó xeito de Ceferino Díaz, tan socialista como galeguista ou viceversa. Pasados máis de 10 anos da súa morte sigue a ser un referente co que tiven a inmensa sorte de compartir, con él e co seu entorno político na agrupación compostelana, a pelexa por “renovar” o PSdeG-PSOE no VII congreso en Santiago o 14 e 15 de maio do 1994. Tratábase de acadar unha autonomía política do partido en Galicia a imaxe o PSC pero finalmente gañou o “guerrista” Paco Vázquez a secretaría xeral. Moitos dos que, dende a política municipal, apoiabamos as teses de Ceferino, fómonos para a casa nas seguintes eleccións municipais, non porque non as gañaramos senón porque nos resultaba difícil representar a nivel municipal as “ideas” daquel PSOE "vazquista" que non quero cualificar.

Ana Pontón dime que “Queremos poñer en marcha un novo goberno galego, que confíe no noso pais e nos seus recursos, que constrúa un futuro de prosperidade e riqueza, que coide das persoas, potencia a nosa lingua e identidade, desenvolva a nosa economía, use os recursos galegos a favor de Galiza e faga valer sempre os nosos intereses. Somos un país con enormes capacidades para construír un futuro diferente e mellor”. Teño que recoñecer que persoalmente non teño un bo recordo do eido nacionalista, liderado daquela por Camilo Nogueira, no que eu andaba nos anos 80 do século pasado, o cal condiciona a miña reflexión pero iso queda para outro momento.

Tamén me escribiu un avogado prexubilado de Telefónica, Álvaro Díaz-Mella. Teño que recoñecer que pensei que recibía unha carta da Garda Civil pero non, era de Vox. Por inercia, antes de mandar todo ó seu sitio entre o lixo orgánico, lin as escasas 14 liñas e teño que recoñecer que comparto a análise que fai do goberno do PP dos últimos 15 anos. Di que “ Galicia é unha terra chea de futuro, pero leva 15 anos gobernada por un PP paralizado ante problemas constantes como o aumento do custo da vida, a desprotección do noso campo, pesca e industria ou a marcha da nosa xuventude”. Se cadra os motivos para chegar a esta conclusión e as solucións que non din, quedan un pouco lonxe da miña forma de pensar. Evidentemente non voto a Vox, por hixiene democrática non os debera votar ningún demócrata. O que pretende Vox e toda a ultradereita é usar a democracia para acabar con ela, igualiño que fixeron os seus “referentes” históricos (Hitler, Mussolini, Franco, Salazar,...) e mesmo os actuais (Trump, Bolsonaro, Milei,...).

Por outra banda, recibín a chamada “persoal” de Marta Lois de Sumar. “.... se quere que o chame persoalmente, pulse 1”, dicía a gravación. Pulsei 1 e chamoume. A verdade, tiña pouco tempo de atendela para facerlle máis preguntas, pero polo que falou non me parece un mal proxecto, mágoa que o “voto útil” deixe a Sumar fora do parlamento de Galicia. Veume a lembranza da imaxe, voz e discurso de Anxo Guerreiro Carreiras, “Geluco”, falecido xa fai 10 anos e que foi un dos redactores do Estatuto de Galicia, brillante parlamentario e, sen dúbida, un dos bos e xenerosos, nacido na provincia de Lugo.

O tempo pasa e dous dos que para min foron referentes políticos de Galicia levan 10 anos mortos e seguen sendo referentes. En fin,... se cadra falla algo.

Hoxe reflexionamos os votantes. Mañá facémonos responsables de elixir o futuro inmediato de Galicia, temos no noso voto a forza que definirá ese futuro, só de nós como votantes depende.

O luns toca reflexionar ós candidatos. Os gañadores terán que reflexionar sobre a responsabilidade que asumen e sobre os compromisos que adquiriron. 

Os perdedores terán que reflexionar sobre as causas das derrotas e asumir as responsabilidades que correspondan. Todas, ... mirando é ferida e non ao dedo que a sinala.

Non votar, podendo facelo, non é unha opción. “Haxa salú”.

Por certo, para as vindeiras mirade de xenerar menos lixo, e non me refiro só a cantidade de papel innecesario que mandades. Xa me entendedes



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA