INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA
A fin de que se entenda sen moito esforzo a cuestión que vou plantear quero empezar por unhas cuestións previas e antecedentes do asunto.
O que significan algunhas palabras segundo a RAG. Cuestións semánticas:
1. No pleno do 29 de setembro de 2022 o Concello da Pontenova aprobou, logo de detectar un erro na súa redacción, o novo texto da “ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA ESPECIAL DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL POR INSTALACIÓNS DE TRANSPORTE DE ENERXÍA ELÉCTRICA, GAS, AUGA E HIDROCARBUROS”.
2. O día 24 de outubro de 2022 publícase no BOP de Lugo.
3. O día 7 de novembro de 2022 presentei a título particular e en beneficio público unhas alegacións á ordenanza nas que basicamente propoñía a modificación da ordenanza de xeito que (cito literalmente o contido das alegacións):
- Estarán exentas desta taxa:
o As Comunidades de Enerxías Renovables, con independencia da forma xurídica que adopten na súa constitución (cooperativa, sociedade mercantil, etc.)
o As Comunidades de Usuarios de aproveitamentos de augas para consumo doméstico ou gandeiro.
o As persoas físicas que actúen como particulares
4. O día 5 de maio de 2023, recoñecendo tacitamente a miña habilitación para recorrer a devandida ordenanza, o Concello notifícame que:
“Visto que durante o prazo de exposición pública vostede presentou un escrito de alegacións, con rexistro de entrada núm. 2022-E-RE-550, de data 07/11/2022.-
Detectado un erro no acordo de aprobación inicial da citada ordenanza, mediante resolución de alcaldía 2023-0173, retrotraeuse o expediente ao momento da proposta do acordo para a súa aprobación inicial, expoñéndoo de novo ao pleno da corporación.
O acordo foi aprobado inicialmente polo pleno en sesión extraordinaria do 02/05/2023 e nos próximos días vaise proceder a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
Comunícaselle isto para que vostede como interesado poida presentar de novo as alegacións que considere oportunas ou ratificarse nas xa presentadas”.
5. O día 9 de maio de 2023 ratifícome nas alegacións mantendo a literalidade das mesmas, cun escrito no que indico que:
“Que recibín COMUNICACIÓN na que se me indica “que no Boletín Oficial da Provincia de Lugo núm. 243, do luns, 24 de outubro de 2016 se publicou o anuncio de aprobación inicial da Ordenanza Fiscal Reguladora sobre a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local por instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos”.
Que existe un erro na data de publicación, xa que logo cónstame que da devandita publicación foi o día 24 de outubro de 2022.
Que o novo borrador non recolle ningunha das modificacións propostas nas miñas alegacións.
Que, segundo o meu criterio, mantense o interese e necesidade de emenda á citada ordenanza, cando menos, nos aspectos que se teñen proposto.
Que, corresponderá ós servizos xurídicos do concello, o encaixe técnico-xurídico da proposta de modificación contida nas mesmas.
Por todo o exposto,
Mediante este escrito COMUNICO Ó CONCELLO DA PONTENOVA A MIÑA RATIFICACIÓN NAS ALEGACIÓNS presentadas.”
6. O día 13 de outubro de 2023 recibo “NOTIFICACIÓN” do acordo do Pleno do Concello da Pontenova polo que se rexeitaban as miñas alegacións por UNANIMIDADE dos “dez señores/as concelleiros/as asistentes”.
7. A redacción da ordenanza ou, se cadra, o rexeite das miñas alegacións faise baseándose nun informe xurídico asinado por Mercedes Gonzalo Pascual que se publicita na súas redes sociais como socia do despacho Iurislocalia que se dedican a “Asesoramiento jurídico en Energías Renovables. Derecho Administrativo. Tributación de los Sectores Regulados. Defensa letrada ante Tribunales de lo Contencioso Administrativo. Mediación entre promotores de instalaciones y Ayuntamientos o particulares. Contratación Pública”.
8. Co fin de “desvirtuar” as miñas alegacións o informe xurídico di que “Pese a tratarse indistintamente por parte de la recurrente la no sujección y la exención, lo cierto es que son dos modalidades diferentes”, cando a miña proposta é clara en canto a que propoño EXENCIÓNS. Anque tampouco sería nada “raro” tratar exencións e non suxeccións nun mesmo nivel, tal e como fai o artigo 21 do tantas veces citado TRLRHL, ainda que non poden ter a consideración de modalidades dun mesmo concepto xurídico-fiscal como da a entender a proposta da alcaldía.
9. Na “PROPOSTA DA ALCALDÍA” indícase que “Se solicita, en suma, que se acuerde incluir en la Ordenanza las no sujecciones y exenciones que se proponen”, sendo FALSO que se propoña algunha non subxección.
10. Asimesmo na mesma proposta, co fin de argumentar o rexeite das alegacións, dise sen pudor nin humildade que, “Atendiendo a que en la elaboración de la Ordenanza objeto de impugnación se han seguido escrupulosamente todos los trámites exigidos por el TRLHL ya citado”. Esto contradice sen paliativos que o procedemento tivera que ser reiniciado por erros na súa redacción e tramitación alomenos dúas veces.
11. O artigo 16 do TRLRHL recolle o contido das ordenanzas e non me corresponde a min presentar “justificación jurídica alguna” como afanosamente insiste a “proposta da alcaldía”.
12. Segundo consta na acta do pleno que publicou o BNG nas súas redes e a que os cidadáns non poden acceder salvo por petición expresa e nominal no Concello, non houbo debate e tanto os concelleiros do BNG, do PP e do PSdeG-PSOE, votaron a favor de rexeitar as miñas alegacións e por ende a favor da proposta da alcaldía chea de falsedades, medias verdades e mentiras completas.
13. Contra do acordo do Pleno do Concello da Pontenova, agora só me cabería interpor, no prazo de dous meses dende a publicación no BOP, un recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que como pode entender calquera non se vai presentar por razóns obvias. Anque, que eu non o faga, non impide que suxeitos pasivos da taxa o podan facer.
Vistos os antecedentes e as cuestións semánticas, a min xúrdenme infinidade de preguntas e trato de convidar ós que lean isto a que tamén se fagan as mesmas ou outras distintas para axudarnos a entender as causas e os efectos de facer política con tanto desleixo e indefinición.
Non quero que esas preguntas queden sen facer por falta de datos por iso quero aportar algún máis:
- Esta ordenanza tiña que terse aprobado fai máis de 10 anos e así se plantexou polos servizos xurídicos propios do Concello e externos que asesoraron no recurso dos concellos afectados e da Asociación Camín Grande, cando Red Eléctrica Española solicitou pasar unha liña de alta tensión nada menos que por preto de 20 km no Concello da Pontenova e, mesmo tamén cando Gamesa Eólica instalou os primeiros parques eólicos en terreos do termo municipal. Esta demora supón perder polo menos 10 anos da potencial recadaciónn que se pretende ca ordenanza.
- Non teño constancia de que en ningún momento, nin goberno nin oposición no Concello da Pontenova se interesasen polo alcance, contido ou repercusión da proposta. Máis, ó contrario, a alcaldía tense aplicado a fondo para xustificar o rexeite das alegacións por cuestións técnicas ou xurídicas sen reparar ou considerar nos beneficios para os cidadáns da Pontenova que non prexudicaban en nada o suposto obxectivo da ordenanza nin a súa legalidade.
- Mesmo a oposición tivo unha ferramenta política que tampouco soubo ou quixo aproveitar na labor que se espera deles dada a súa manifesta minoría.
- A ordenanza aprobada é un “copia-pega” doutras ordenanzas xa en vigor noutros concellos e, anque no anexo 1 delimita unhas tarifas definidas para uns casos concretos, o feito impoñible definido no artigo 2º podería afectar, sen necesidade de modificar a ordenanza, a traídas de augas e instalacións de enerxías renovables que fagan uso de espazos públicos ou comunais, con independencia de quen sexa o seu titular.
- En ningún momento unhas alegacións que propoñen un engadido a unha ordenanza en tramitación poden ser tomadas pola alcaldía como unha "impugnación" das mesmas, anque á vista da resposta entre trapalleira e manipuladora, cargada de falsedades e carencias argumentais o que parece impugnarse por si sola é a forma de facer política de quen asina a proposta.
- Por outra banda, asegurar que "se han seguido escrupulosamente tódolos trámites" cando o trámite da ordenanza tivo que ser reiniciado alomenos dúas veces por erros na tramitación, é a constatación do desleixo co que se fan as cousas.
- Convén que quen supostamente redactou ou asesorou na redacción da ordenanza, antes de referirse o artigo 21 do TRLRHL dando a entender que limita os supostos de non suxección ou exención (non é TRLHL como se insiste na proposta da alcaldía), debería ter en conta o que se di no artigo 16 do mesmo texto e facer unha proposta consecuente.
As miñas preguntas, entre outras, son as seguintes:
- Por qué se tardou máis de 10 anos en aprobar esta ordenanza?
- Por qué a alcaldía ten tanto interese en rexeitar por razóns "técnicas" bastante discutibles e que nada teñen que ver cunha acción política construtiva, unhas alegacións en positivo e que beneficiarían e poderían beneficiar no futuro a moitos veciños da Pontenova?
- Cáles son os motivos polos que BNG e PP, sen debate e sen argumentos, tamén rexeitan as alegacións sen propoñer unha alternativa?
- Rexeitadas as alegacións polo motivo que sexa, cal é a razón política para non incorporar total ou parcialmente unha mellora en beneficio dos veciños?
- Canto costou o informe asinado pola letrada Mercedes Gonzalo Pascual?
- Por qué non se considera suxeito pasivo nesta ordenanza os tendidos das empresas de telecomunicacións que fan uso dos espazos públicos?
En fin ... que cadacal saque as súas conclusións
Comentarios