A Ponte de Pedrido na Vía Verde do Eo?

                                            Imaxe de El Progreso

A vella Ponte de Pedrido, entre San Tirso de Abres e A Pontenova, forma parte da memoria “esquecida” do franquismo máis sanguinario. Na beira asturiana da ponte, na cuneta, morreron por disparos fascistas moitos cidadáns anónimos que aínda hoxe seguen a ser anónimos e “descansan” nunha foxa común do cemiterio de Vilameá, agardando verdade, xustiza e reparación (Merecen luz pero non no medio desta cerimonia da confusión á que nos teñen acostumbrados).

Do que non forma parte a vella Ponte de Pedrido é da Vía Verde do Eo (Nome oficial que lle da a Fundación de Ferrocarriles Españoles), por moito que El Progreso e “El alcalde de A Pontenova, el socialista Darío Campos, ya había avanzado la colocación de este puente de hormigón ecológico como uno de los pasos importantes en la mejora que están llevando a cabo en las rutas del municipio al tratarse de un proyecto pionero y que aseguró que sería fundamental”.  Alguén se confunde, pero si é o periodista o que se equivocou, se cadra alguén debería corrixilo.

Tamén se confunde quen fai un investimento nunha ponte que actualmente carece de uso e á que durante moito tempo non se poido acceder. Non sei quen pediu esta actuación innovadora e de impacto mediático tan notable. Está ben que se faga, porén debería lembrar que aínda está ben recente a obra da Ponte do Cairo que tivo que pagar un veciño precisamente porque as administracións obrigadas a reparala se desentenderon de todo, salvo de saír na foto.

Pouco cambiou dende aquel setembro do 1972 en que meu pai tivo que ir ó Concello da Pontenova a pagar o “2º plazo” da súa “aportación voluntaria” para construír o camiño veciñal de Souto de Mogos. Un total de 9.000 pesetas de 1972 que, anque “monetariamente” poderían ser hoxe uns 1.200,00 euros, non creo que se lle escape a ninguén o difícil que se lle facía a unha familia labrega dispoñer desa cantidade sen que aumentasen as privacións, xa de por si innumerables durante o franquismo, tamén nos seus últimos anos.

Non pretendo buscar paralelismos entre unha situación e a outra pero a gravidade da cada unha delas no contexto temporal que lles toca demostra unha incapacidade política preocupante e unha cara dura como o formigón, aínda que sexa ecolóxico.

De calquera xeito no caso da vella Ponte de Pedrido o que me descoloca son as afirmacións do Alcalde da Pontenova situándoa na Vía Verde do Eo e facendo desta obra “uno de los pasos importantes en la mejora que entán llevando a cabo las rutas del municipio” e asegurando que “sería fundamental”.

Os cidadáns entre tanta confusión seguimos descolocados. Haberá que pedir ós periodistas que verifiquen o que publiquen, non vaia ser certo aquelo de que “se non lees os periódicos non estás informado e se os lees estás mal informado”. 

En fin,... hai castañas e "castañas", fáganse un magosto, beber sen comer pode aneboar a percepción da realidade. Non quero pensar que non saben do que falan e menos que nos minten a sabendas.

Non estaría demáis que se fagan mirar o seu. 



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO