SI OU X... en Eo-Oscos-Terras de Burón


Nos recreos da escola de Primitivo Gallo, en Souto de Mogos,  faciamos o indio no piñeiral da Granda como se fósemos dunha tribu perseguida polo xeneral Custer. Seguramente algún facía a carga do 7º de Cabalería con música e todo e nos arreaba ós que nos tocaba facer de indios.

Para daquela aínda non sabía porque o exército dos colonizadores perseguían ós indios. Aquelas películas en branco e negro nas que se masacraban aos Sioux, Pies Negros, Arapahoes,... non me sacaron daquelas dúbidas, nin tampoouco o bigotiño de Errol Flyn que encandilaba ó "respetable" “morrendo cas botas postas”.

Da perigosa lectura das versións que non son "oficiais" sobre da historia de América descubrín que o que pretendían os colonos recén chegados da vella Europa era recluir ós indios en reservas para logo facer e desfacer nos seus territorios sin respectar nada. Se cadra un "nada" absoluto que rematou por convertir as grandes nazóns indias nos parias da América das libertades.

Cando en xuño do ano 2007 a UNESCO declarou RESERVA DA BIOSFERA unha superficie de 159.379 hectáreas distribuidas nun núcleo do 10%, tampón do 19% e transición do 71% restante (que xa ten tela a clasificación), non fomos conscientes de que Eo-Oscos-Terras de Burón non era máis que unha "medalla" á herdanza que, os máis de 30.000 habitantes dos 7 concellos de Asturias e 7 de Galicia que a forman, recibiron co compromiso de conservar.

Hoxe, vista a capacidade dos gobernos, para pasarse polo arco de triunfo os compromisos cas institucións supranacionais e cos cidadáns, a declaración do 19 de xuño de 2007 ou ben é papel mollado ou nos están a confinar nunha reserva ó estilo dos colonizadores cos indios.

Os colonos pasaron o ferrocarril polas nazóns indias co custo persoal que non vou lembrar e REE pasou unha "autopista eléctrica" por Eo-Oscos-Terras de Burón. Os intereses económicos cambian de dono e de latitude pero a amplitude da  súa capacidade de arrasar co que se opoña é a mesma.

Lástima que non poidamos abrir casinos libres de impostos como os indios nas súas reservas ou abrir franquicias como a do Hard Rock dos Semínolas que nos permitise aos Sioux de Eo-Oscos-Terras de Burón mellorar a nosa calidade de vida.

Nas reservas dos de Caballo Loco e Toro Sentado brillan as luces dos casinos ó tempo que se incrementou a delincuencia, o alcoholismo e a corrupción. Alí xiran as ruletas para os que apostan ó roxo ou o negro pero a banca, que é dos Sioux,  sempre gaña. Aquí o que xiran son as portas polas que pasan sin vergonza os "inquilinos" de La Carrera de San Jerónimo, onde se sitúa o Casino Principal.

O gran casino abre sucursales en forma de cascada institucional con trileros profesionais que desplegan o seu cartón impunemente e manipulan as “bolitas” ca súa habilidade de prestidixitadores. “Nada por aquí e nada por alí”.

Mentras o noso rural morre, REE reparteu migallas entre os “afectados”, e inzou o noso territorio de mamotretos metálicos, monumentais Totems que esmagan as aspiracións e posibilidades do noso entorno. Eles non necesitaron esperar a que se resolvera o contencioso administrativo, xa sabian de antemán que tiña que ser resolto á súa medida porque a porta xiratoria imponse fronte o magro poder cidadán e, se cadra tamén, frente á cordura dos que eleximos para as nosas institucións.

Permitir, consentir, autorizar, alentar, ignorar ou minimizar o paso dunha liña de 400.000 voltios por onde a pasa na Reserva da Biosfera Eo-Oscos-Terras de Burón é un auténtico monumento á impostura dos nosos políticos.  Son moi poucos os que se “mollaron” neste tema, se cadra por eso se botou de menos un posicionamento político dos nosos político. De todos, os que gobernan e os que aspiran.

Bótase de menos tamén a transparencia necesaria das institucións á hora do investimento do diñeiro que se supón que deberan ter recibido polas licencias de obra e pola ocupación de terreos públicos.

Os que daquela nos puxemos en contra da liña de 400.000 V e non fomos capaces de obter unha "xustificación" ó inexplicable trazado da liña de REE, temos, pola vía dos feitos e dos proxectos eólicos, bastante claro que aquel trazado formaba parte dunha estratexia acordada cas grandes eléctricas para facer a evacuación da producción dos parques proxectados en plena  Reserva da Biosfera Oscos, Eo e Terras de Burón..

Dado que o recoñecemento como Reserva da Biosfera é un "galardón" precísase facer un seguimento dos compromisos para verificar se procede seguir tendo tal consideración ou se perdería esa etiqueta de calidade. Para este cometido elaborouse un Plan de Xestión. O que non se sabe é si se sigue o plan ou se fan xestións máis aló das fotos cara a galería.


Hoxe Taramundi e os Oscos puxéronse en garda contra o perigo de permitir a estratexia xeneralizada de inzar de mamotretos eólicos a o entorno rural cun único obxectivo-consecuencia de apagar os pobos para iluminar as cidades

Os Sioux de Eo-Oscos-Terras de Burón aínda non “fumaron a pipa da paz” pero retiráranse á "Reserva". Non vai quedar máis remedio que poñerse de novo en marcha contra outro paso no desmantelamento do rural ó amparo da bandeira das enerxías renovables e da crise enerxética. O que non sabemos os habitantes do rural son as consecuencias de todo esto no turismo rural  e nas actividades agrícolas e gandeiras. Sabemos que non imos participar nos beneficios que saquen as eléctricas vendendo a súa producción eólica ó prezo da que supostamente xeneran con gas. Pouco sabemos e pouco queren que sepamos.

Eu non teño claro si os eólicos nos benefician ou nos prexudican a curto, medio ou longo prazo, porén a opacidade de todos os procesos e a ausencia absoluta de información fiable faime sospeitar que non agochan nada positivo para o rural. Ó tempo...


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO