A Santa Substituta (Non hai Conforto)
Agora
máis que nunca recobra importancia a Santa de Conforto. Se cadra cinco anos
despois daquelas masivas, reiteradas e longas protestas por aquel famoso troco,
recambio ou "restyling" da “Santiña de Conforto”, á auténtica ou substituta, vaille
aparecer un montón de traballo. Sorte para os crentes que poderán ir da man da
súa fe ó Santuario de Conforto e contarlle os seus problemas de saúde á “santiña”
e, se é o caso, deixarlle unha prenda ca enfermidade colgada no “salgueiro
chorón” do adro. Todo elo, tamén hai que dicilo, sen ter que pedir cita previa
e sen horario.
Sexa
a santa “boa” ou a substituta hai que agradecerlles ós curas que a devolveran
despois de pasear por Galicia enteira para “curala”, pintala ou para facer unha
substitución provisoria en calquera outro santuario, tal cal fan os profesionais do Sergas
con contratos a tempo parcial, por horas ou como e cando ós políticos de quenda
lles parece que serven ós seus intereses, importando ben pouco as necesidades dos
cidadáns.
O que non hai é substituto para os médicos. Cando se xubilou Ramón, e xa nos avisou el mesmo, non mandaron a ninguén para substituílo porque o “ratio” de pacientes non alcanzaba para ter 3 médicos nin 2 e medio.
Agora xa hai bastantes días que falta Xavier, non parece que o “ratio” mellore e vese vir que imos quedar con só un médico para toda A Pontenova. Se Deus non o remedia, porque os mortais responsables non parecen moverse. Parece que esto se vai convertir nunha cuestión de fe ou nun sentarse a velas vir esperando que escampe.
Veremos cando se xubile Sabela. Seguramente tamén nos deixarán cun/unha enfermeiro/a para toda A Pontenova.
A realidade é que un pide cita para ir ó seu médico porque lle doe a gorxa, un xeonllo ou lle saíu unha urticaria e danlle para unha semana máis tarde. Eso se ten a sorte de que lle collan o teléfono. Para entón, unha semana despois, o paciente xa terá ido a un médico particular, rascaríase ata cansar ou, no mellor dos casos, xa non se vai acordar do que lle doía. Menciña natural en estado salvaxe.
Os/as médicos/as e os/as enfermeiros/as van oir todo tipo de calificativos dos doentes que, con razón, se van enfadando mais a medida que pasan os días e non se achegan solucións. Salvo que sexamos capaces de pensar e caigamos na conta de que os sanitarios (médicos/as, enfermeiros/as, etc) son cada un deles unha vítima máis do, chamémoslle, “estado das cousas”. En fin, que a eles por presentar follas de reclamacións cas nosas queixas no Centro de Saúde, lonxe de prexudicalos, estamos cargándoos de razóns porque en realidade estamos no mesmo lado.
Pero non pasa nada. A Pontenova está tranquila, todo marcha ben, os políticos da Xunta e do Concello estomballados nas súas cadeiras acolchadas fanse carantoñas nos periódicos dende Santiago de Compostela ata a Casa do Concello pasando por Lugo. A foto no periódico é fror de dous días e o problema xa ven de moito tempo atrás.
Nin aquí nin acolá se distingue nin siquiera sombra dunha oposición que aprete no Concello ou no Parlamento de Galicia, ós presuntamente adormentados gobernos. Que viva a Santa Pachorra…!!!. Eso sí, a fin de mes cobran o salario ou as dietas e asistencias. Poucas e malas. Ainda que haxa que facer “modificacións de créditos” dos orzamentos para pagar as nóminas. Todo sexa por cuadrar a contabilidade. (Non imos falar agora desto porque non se trata de mancarse ou poñerse doente, senón de intentar que os mancados e os doentes teñan no noso Centro e Saúde quen os cure cando o necesiten).
Eu, que vin como a veciñanza e os políticos se apresuraron a poñerse agarrados á pancarta reclamando o cambio dos curas e a volta da Santiña de Conforto (maldita hemeroteca), boto de menos a mesma actitude de paixón, loita e resistencia diante do desmantelamento sanitario do rural en xeral e da Pontenova en particular. Un paso máis no desmantelamento programado do rural que enmudece e adormenta ós nosos políticos, goberno e oposición, por razóns que deberían apresurarse a explicar.
Non me vaian preguntar agora o que hai que facer. Se cadra, por “experiencia” lles digo, eu propoñería montar no Centro de Saúde da Pontenova unha capela para rendir culto á Santa Paciencia, anque nela “se suspenderán actos de culto, excepto la celebración de exequias” . Deus non queira que as haxa.
Seguramente cando nos falte a Santa Paciencia, como faltou a Santa de Conforto, ímonos mover, xa se sabe que a fe move montañas. Ademáis, si non hai médico que nos atenda ben poderiamos rezar para que nos pase a doenza. Sorte para os que teñan fe, ós demáis quedaranos a menciña natural en estado salvaxe, como diría aquel: dieta de “ajo y agua”.
O de que sen Santa non hai Conforto é unha cuestión de fe. O de que sen médicos non hai conforto para os doentes e os mancados é unha descrición da realidade onde non ten cabida o de “eu creo que …..” para seguir sin facer nada. Se rezamos o "santo rosario" é que chegamos tarde.
Ou nos movemos ou morremos como sociedade capaz.
Comentarios