Baldío Comunal

 

Hoxe erguinme un pouco ácrata. De noite soñei que o solar da Casa do Concello aínda era un baldío comunal no que, cada quince días, celébrase o mercado.


Agora, fai nada, á noitiña, observei que as luces incandescentes (non son led, nin de baixo consumo,..) alumaban os arcos baleiros do edificio, seguramente para chamar as políllas, lepidópteros nocturnos, avelaíñas "mensaxeiras" e outros insectos coleópteros ou dípteros que acuden á chamada, encandeados por tanta "incandescencia", mesmo para inmolarse ou para quedar cegos vitalicios.

Dentro non había luces, sen dúbida para loitar contra do cambio climático e para aforrar.

Vou ter que chamar ó meu "asesor onírico" para que me axude a interpretar este pesadelo. Nas miñas "comparativas" cheguei a desilusionarme, desesperarme e outros des... máis ou menos "agresivos", porén non acadei a entender porque no mundo paralelo dos meus pesadelos martelaba o "Baldío Comunal".

A Real Academia Galega, na que ven de entrar, ó meu entender con todo o merecemento, o mariñán Lourenzo Fernández Prieto, quen dixo no seu discurso de entrada que a lingua é a "materia prima da cidadanía", di que BALDÍO é :

Adxectivo

1.- (Terreo) sen cultivar

2.- figurado Que non serve para o fin que se pretende ou carece de utilidade e eficacia.

3.- figurado (Persoa) sen ocupación

Tamén di que COMUNAL é:

Adxectivo

Que é compartido ou proveitado por varias persoas á vez ou por unha comunidade,

Sen dúbida o "soño da razón produce mónstruos" como os dos "Caprichos" de Goya, porén non se trata de destruir supersticións nin pantasmas, senón de entendelos e, por conseguinte, "domesticalos". Non vaia ser que estes "caprichos" fagan que a Santa Inquisición se me bote enriba como a Goya, anque agora serían algúns "hooligans" ou mesmo os "Avogados Cristiáns" que soan peor e teñen máis mala baba que a Santa Inquisición.

As miñas "visións", que poderían moverme entre o "medo" e a risa, fanme, ás veces, confundir o sono co soño. Hai cousas que dan tanta preguiza que dan sono. A ver si poñemos "o despertador".

De mañá, espreguiceime e lembrei o 16 de xuño de 2007, ainda que hai datas que me da preguiza lembrar, se cadra, precisamente porque o "soño da razón produce monstruos" nun "Baldío des-Comunal". Estes "pesadelos" aparécenme cando turro ca realidade dos que van ser, deberan ser ou teñen que ser os que teñen que parar as "alertas laranxa" de tormenta fascista que veñen de anunciar os pactos do PP, Vox e similares ou asimilados nestas elecións municipais. En fin... só queda sementar no baldío e que os que teñen a responsabilidade reguen para colleitar democracia, libertade, igualdade,...

Anque aínda non sexan conscientes, os concelleiros son once, teñen a súa responsabilidade e non deben esquencer a máxima política de que hay que "actuar localmente e pensar globalmente", ninguén naceu aprendido pero a "cortesía" de esperar a que aprendan hai que traballala.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO