Desmantelamento programado do rural


A operación bikini chegou á prensa escrita como tódolos veráns para amosarnos un “estilizado” contido nos diarios.
A festa a esgalla, os baixa como poidas, as carreiras de rolos de herba, o lanzamento de eixado, as festas de época, das carrilanas, da carne ó Caldeiro, do polbo, do farragullo e outras comerolas varias,  a festa da malla ou da meda, e ata unha manchea de matatempos enchen as follas dos diarios ou, se cadra, as valeiran, segundo quen os lea.
Nada mellor que, ensartada nesta voráxine vacacional e lúdico festiva, na que o postureo enche de cores diversos a crónica política, se nos cole o que de verdade importa,  disolto neste empalago de horchata festiva. Agosto sempre foi un bo mes para a mallega e para que as novas non teñan “eco”.
El Progreso do 19 de agosto de 2018 pode lerse nun “pis-pas” deixándose levar, sen máis, ata a contraportada onde, como ven sendo habitual, Rodrigo Cota nos convide á reflexión. Se cadra, entón, convén darlle outra volta.
Abondou chegar de volta ás páxinas dous e tres para constatar que de novo nos están colando outra volta de porca no desmantelamento programado do rural, coma sempre a golpe de DOGA ou de BOE.
Nos setenta desapareceron as escolas rurais para concentralas en macrocentros e convencéronnos de que avanzabamos na igualdade dos nenos das aldeas e os da vila. Nos oitenta desapareceron as cámaras agrarias e as gardas médicas convencéndonos de que nos PAC habería máis medios e máis persoal para atendernos mellor, velaí a realidade. Xa neste século desaparecen as gardas das farmacias da Pontenova, desapareceu unha das prazas de médico de familia, barrúntase que corre perigo o O61 e agora van pechar os cuarteles de concellos como os da Pontenova, A Fonsagrada, A Pastoriza, etc para integralos noutros de maior tamaño como o de Ribadeo, Foz, ... co fin de mellorar o servizo reducindo o “tempo de resposta”. Non será outra trola...? (A pregunta é retórica)



 A todo ésto, convén que non se engañen os “beneficiarios” destas concentracións. Refregarse as mans mentras se medra a costa dos que perden servizos non é máis que un anestésico previo a outra escalada de desmantelamentos programados do que de seguro van formar parte sen tardar.
Nos vindeiros días produciránse reaccións con críticas e descalificacións de distinto grosor en función da cor política que poñerán á vista as vergoñas de moitos que non reaccionarán co mesmo empurre e volume que o farían so fai 3 meses, todo elo a pesares de que a “criatura” pariuna un goberno do PP anque foi inmediatamente “adoptada” sen reparos por un goberno do PSOE, como se dun ventre arrendado se tratase.
Para min, o feito que o PSOE, o partido no que militei máis de 25 anos, asuma como boas sen alternativa nin opción ésta e outras medidas cociñadas polo goberno do PP, convirte o discurso co que pretende ilusionarnos de novo, nun postureo inaceptable dende calquera perspectiva de esquerda ou de sentido común.
Este prato precociñado de indixesta textura política, como receita para afrontar a crise económica e demográfica, no que se mestura por un lado unha globalización mal aplicada e unha eficiencia dos servizos públicos mal entendida con unha sobredose de austeridade selectiva, condúcenos a un futuro cargado de incertezas para o rural. A onde nos leva todo isto non o sabemos e o máis grave e que tampouco o saben os que cobran por tomar as decisións.
Por aquelo de saber de onde vimos para saber a onde imos, pareime a repasar a hemeroteca dos anos 80 do século pasado. Voume referir só a nivel local, doutro xeito sería unha auténtica letanía sin final. Podo asegurar que é un exercicio inútil pero esclarecedor, xa que logo vimos tendo, alomenos na Pontenova, os mesmos problemas que tiñamos entón. 

Daquela non tiñamos polígono industrial e hoxe temos pero non temos para as empresas que queren ampliar. Daquela bebiamos auga bombeada do río e hoxe para manter o servizo seguimos bombeando auga do río igual que fai 50 anos. Daquela non tiñamos bombeiros e hoxe dependemos de Barreiros que ven sendo o mesmo, eso si temos os GES pero descoñezo si están preparados para facer milagres. Daquela non tiñamos residencia da terceira idade nin centro de día e hoxe tampouco.

Se cadra, cumpre que os elexidos que cobraron do erario público dende os anos 80 do século pasado, xa que logo non foron capaces de resolver este tipo de problemas do rural nin de evitar aqueles que foron xurdindo e que xa enumerei, deberan devolver o que cobraron por “incumprimento de contrato”.

Pero, voltando ó desmantelamento programado do rural, que ven sendo o mesmo ou o resultado de non facer nada. Sempre fun dos que pensei non é cuestión de vontade política (para non facer nada tamén hai que ter a vontade de non facer) é cuestión de que sexa unha vontade política proactiva e en positivo. Pero, Cál é o obxectivo último desta morte anunciada do rural?, Convertirnos en reserva aborixe?, convertirnos en eucaliptal?...



O longo intento de desmantelamento do rural galego ten unha longa historia que fielmente se ven recollendo no DOGA e no BOE. Analicen senón os sucesivos “Plans de abandono das explotacións agrícolas”, o “Plan Galicia”, o “Plan de reequilibrio territorial de Galicia”, as leises de montes as sucesivas, incoherentes, contradictorias, superpostas e inútiles leises so solo de Galicia, as leises de concentración parcelaria, a normativa de prevención de incendios de Galicia a lexislación e plans de infraestructuras e incluso a lexislación de espectáculos. Toda a lexislación que afecta ó rural galego foi feita, cando menos, de costas ós residentes no rural cando non en contra. Os resultados seguramente son os esperados.
As inxentes moreas de fondos comunitarios, os planes LEADER, LEADER PLUS, PDRs, … os organismos xestores AGADER, GDR , Grupos de Acción Local e chiringuitos adxacentes foron, son, ferramentas de clientelismo e corrupción que serviron para poñernos no punto de mira dos organismos de control da Comisión Europea e, aínda así, sendo ferramentas clientelares de enriquecemento para uns cantos, houbo que devolver inxentes cantidades por non terse investido e mesmo por non xustificarse axeitadamente o seu investimento.

Con servizos a tempo parcial, necesidades a tempo completo e políticas a destempo, cando non a contratempo, o desmantelamento programado do rural en xeral, de Galicia especialmente, é un feito consumado que ven traendo a sinatura de sucesivos gobernos do estado e autonómicos. Só falta definir o que é rural porque algúns dos beneficiarios momentáneos destas fases de desmantelamento tamén forman parte do programa, pendentes de datalos.

 Non sei se queda marxe para a esperanza no rural, o que si hai marxe é para a política, pero a política ten que ser proactiva anticipándose ós problemas e tratando de propoñer solucións e alternativas, fronte ás políticas reactivas que tratando de resolver problemas cando xa non teñen solución fomentan o desánimo entre os residentes e convírtenos en migrantes potenciais fuxindo dos espazos ós que pouco a pouco se lles foron furtando os servizos esenciais ata facelos inhóspitos.

E se non hai marxe para a esperanza nin para a política se cadra podemos recuperar a política e a esperanza mediante o debate aberto sobre o medio rural.
Resultado de imagen de terras de miranda a pontenova xornadas

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO