90 anos da Irmandade Labrega de Conforto




Corría o ano 1925 ca ditadura de Primo de Rivera xa institucionalizada grazas ó inestimable apoio do monarca borbón Alfonso XIII. Ca  "comprensión" do  rei,   o  ditador  fíxose  co  poder absoluto emulando ó que Mussolini e os fascistas  estaban  a  facer  en  Italia,  tamén  co  beneplácito,  apoio  e "comprensión" doutro monarca emparentado co borbón. En fin, cousas da historia que se cadra xa se repetiron, sin nós sabelo.

Resulta curioso, por decir algo, que unha das primeiras medidas do ditador Primo de Rivera fose a prohibición da bandeira e o himno catalán e a "restrición da lingua catalana ó eido privado". No fondo parece que non pasou o tempo e a "xenética" dalgúns dos que gobernan este país segue a mandar hoxendía nas decisións políticas.

Non é "raro" pois que as políticas sociais daquela seguiran o modelo fascista italiano ó igual que a política represiva. Intentou o dictador Primo de Rivera montar o que chamou a Organización Corporativa do Traballo, que non era máis que un sindicato único, que ben poido ser o modelo que Franco utilizou para crear o Sindicato Vertical durante a ditadura Franquista.

Neste contexto represivo, económico e social, hai que darlle un valor especial ós fundadores dun sindicato de labregos na parroquia de Conforto, no daquela concello de Vilaoudriz. Non debe pasar desapercibido o nome "IRMANDADE LABREGA DE CONFORTO". Para daquela poucas asociacións, sociedades, sindicatos, etc,, en Galicia, levaban un nome galego. O seu  nome é tamén sen dúbida unha excepción á norma.


Non se pode dicir que o sindicato tivese unha filiación política galeguista, polo menos vinculada ó Partido Galeguista que non se fundou ata o ano 1931. Seguramente se fundou dentro dun sentir republicano galego que máis tarde daría lugar á Organización Republicana Galega (ORGA) de Casares Quiroga, da que, para a súa fundación, foron peza fundamental algunhas Irmandades da Fala.

Nesta filiación republicana galega seguramente ten bastante que ver o dirixente republicano do Cerdeiral, José María Díaz y Díaz Villamil. É posible que no momento da fundación da Irmandade Labrega de Conforto, José María estivese preso en Madrid por ser  presidente dunha Asociación de Estudiantes de Dereito. Malia que non o teño documentado, tamén é posible que súa mesma sensibilidade republicana a tivesen os seus veciños fundadores do sindicato en Conforto.

Poucos datos hai hoxe da Irmandade Labrega de Conforto. É unha auténtica mágoa pero hai que entender que ca "irrupción" do franquismo a lei do silencio tamén era unha forma de supervivencia. Non me constan arquivos cos que poñer nomes ós directivos e membros do sindicato. É posible que os propios socios destruísen os arquivos precisamente para protexerse da represión durante a guerra e a posguerra.

Nas casas de moitos veciños de Conforto seguramente se conservan recibos de multas que veñen a dar testemuña da constante persecución que sufriron os que dun xeito ou doutro eran sospeitosos de ser membros dos sindicatos e de filiacións políticas republicanas e de esquerdas.

Os fascistas afanaronse en destruír dende a raíz toda a experiencia sindical labrega galega. O desartellamento da sociedade civil era o eixe fundamental no que se puxeron de acordo as distintas "sensibilidades" que mandaban no bando golpista antes de montar o "proxecto" propio para a ditadura.

Non deixar pedra sobre pedra de toda esa experiencia política de organización social que supuxeron os movementos agraristas galegos urxíalle ós fascistas para sumir na total resignación, pasividade e desmovilización á poboación e ós "factores económicos" do rural.

Vilaoudriz, Vilameá e outros concellos do noso entorno non foron unha excepción. Durante ese "tempo de naide" que durou a guerra civil, antes incluso de que a represión se institucionalizase ca Lei de Responsabilidades Políticas de febreiro do 1939. Moitos elementos fascistas e parafascistas locais aproveitaron ese período para cometer as meirandes tropelías. No sustancial da represión fascista non faltaron roubos, abusos de todo tipo e incluso asasinatos por vinganzas persoais que se trataron de enmarcar nun fondo político que non existía. Moitas destas tropelías tiveron como vítimas a membros do sindicato Irmandade Labrega de Conforto, precisamente para servir de "exemplo".

A implantación de toda a simboloxía e valores do réximen franquista buscando a súa aceptación pola sociedade, exerceuse mediante o control dos medios de comunicación. No rural esta función de impoñer esta indubidable represión psicolóxica, fíxose por medio dos mestres e o sistema educativo e fundamentalmente por medio da iglesia, como soporte, apoio e instrumento da ditadura franquista.

Por outra banda, esa exemplarización ca que se quixo exercer a represión sinalou ós directivos das sociedades agrarias, como persoas de prestixio con gran influencia, como as primeiras vítimas. Precisamente o primeiro condenado a morte pola xurisdición militar dos golpistas na provincia de Lugo foi o presidente do Sindicato Agrario de Rao (Navia de Suarna). 

A esa "exemplarización" nos  directivos das sociedades non foi allea a de Conforto. É ben coñecida por todos a persecución e acoso á que foi sometido o presidente do Sindicato Irmandade Labrega de Conforto José Bermúdez Díaz de Figueirúa e a súa familia. Seguramente outros directivos e socios sufriron a mesma sorte.

O sindicato Irmandade Labrega de Conforto, que foi capaz de sobrevivir á dictadura de Primo de Rivera, antes de ser "desaparecido" polos golpistas do xeito máis absoluto que lles foi posible, conseguiu no ano 1932, ca súa presenza ben consolidada na parroquia, construir unha edificación social que hoxe sigue en pe dando testemuña da solidez do proxecto sindical. 

                      


Para a construcción da "Casa da Irmandade", en novembro do 1932, o sindicato formalizou un préstamo  de CINCOCENTAS PESETAS (500 Pts) a devolver en dous anos ca garantía do propio edificio que se construía con ese financiamento.

Do préstamo consta que en xaneiro do 1934 foron devoltas ó acreedor, por entrega do Secretario do Sindicato Irmandade Labrega de Conforto, José María Gallo, DUASCENTAS CINCUENTA PESETAS (250 Pts). Non teño documentada a devolución do resto.

                  

Poucos datos e documentos me constan da casa. Consta así e todo que xa na posguerra, ca incautación do patrimonio sindical en marcha, o daquela alcalde franquista de Vilaoudriz defendeu diante do Gobernador Civil de Lugo que o edificio do sindicato Irmandade Labrega de Conforto pasase a formar parte do erario municipal para dedicalo a escola para nenas.



A pesares deso non me consta que durante a ditadura se usase como escola. Descoñezo si alguén ten documentación ou información que poidera acreditalo. É posible que toda esta documentación que seguramente existiu no seu día seguise o mesmo camiño que os libros de actas dos concellos de Vilaoudriz e Vilameá  dos períodos inmediatamente anterior e posterior á guerra civil. 

Sospeito que tanto os libros como a documentación do sindicato Irmandade Labrega de Conforto desapareceron, como xa dixen,  para protexer ós seus directivos e asociados. Tamén sospeito que os libros de actas dos concellos desas datas, "se desapareceron" á par que outra documentación oficial, foi precisamente para protexer ós fascistas e ós seus "apoios" locais, do que máis temían: a verdade. Todo eso, para construir a súa propia "versión" co amparo do medo, a desinformación e a mentira.

Ca casa en pé e os veciños organizados, hoxe o "normal" sería que a casa voltase a ser de todos. Por unha banda para servir de ferramenta social, á vez que para honrar a memoria dos que a construíron á par que artellaban iniciativas sociais para mellorar a vida dos seus veciños. 

NOVENTA ANOS son abondos  para que se fale con "normalidade" do sindicato IRMANDADE LABREGA DE CONFORTO. Os que a fundaron merecen atopar na nosa memoria o coforto que lles foi negado por buscar o mellor para todos. Sempre é un bo momento para que a nosa memoria sexa a homenaxe e o recoñecemento público.


Comentarios

Anónimo dixo…
Seria interesante qun se restaurará como local de xente o para actividades veciñais. Maria Jesús Martínez Mon.

Publicacións populares deste blog

VOTAR COMO ANIMAIS

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

O que a "verdade" esconde