"Hai néboa todo o ano. Alí está a nai de tódalas néboas"



De novo a A-8 no seu paso por Mondoñedo estivo pechada durante horas esperando a marcha da habitual néboa que se vai moi paseniño. Supoño que serán cousas do cambio climático, dígoo por  botarlle a culpa alguén que non teña que dar explicacións.
Esta infraestructura estrela, vendida ata a fartura por tódolos ministros de obras públicas da democracia, foi finalmente un caralludo fracaso caracterizado por ser cara na súa construcción, constatadamente perigosa para o tráfico e ata inútil boa parte do ano.

Habería que retroceder a aqueles anos nos que se plantexaba a posibilidade do seu trazado máis interior percorrendo Vegadeo, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Meira,... ata Lugo. Claro que daquela mandaba en Galicia o chairego Don Manuel e non podía facérselle o feo de non levarlle a autovía ata Vilalba, fose por onde fose e costase o que costase.
Se cadra non convén entrar no desdoblamento da Ponte dos Santos pero seguramente falar dende o punto de vista técnico desta obra poñería á vista algunha vergonza que desaconsellaría o que se fixo nel, poñamos por exemplo a vida útil dunha infraestructura con 28 anos de uso. Tampouco cabe falar xa de que a Ferrol tamén se chega pola costa, se ese era o criterio da Transcantábrica.
Pero falar de criterio non é o axeitado porque non o houbo, ou polo menos non se mantivo no tempo. O que si houbo foi un “criterio político” na súa parte máis cativa, plegando tanto criterios técnicos de enxeñeiros como de xeólogos como de vertebración territorial fronte a intereses personalistas e partidistas.
Non son eu quén para calificar a actitude dos distintos partidos con esta e outras infraestructuras pero non poido evitar que me rechien un pouco as homilías duns e doutros dende os seus machitos institucionais nos púlpitos mediáticos que se lles poñen a tiro, cando hai tempo que teñen esquencida a súa responsabilidade cas estradas que lles corresponden. 
A este encontro diario de parvadas relacionado ca A8 acudiu o noso Alcalde e aproveitou para acabar pedindo o arranxo da N-640, que xa é hora. Cando menos non desaproveitou a oportunidade, o cal é de agradecer. Dende o 2007 é seguro que houbo outras ocasións de “apretar” un pouquiño para que se teña feito, por exemplo cando, o daquela Ministro de Fomento, Pepe Blanco nos visitaba con certa asiduidade. Lástima que agora os ministros só visitan para vender fume.
O coste do arranxo da N640 seguro que non se achega nin de lonxe ao que houbo que engadir para replantexar a autovía cando as montañas de Mondoñedo se empeñaron en desmentir uns inútiles ou inexistentes informes xeolóxicos favorables ó seu trazado inicial.
Tamén faltou un informe climatolóxico, anque sería suficiente falar cos veciños de Lindín ou Curros e preguntarlles polos días do ano nos que non hai néboa.
O caso é que Mondoñedo segue sen autovía e A Mariña tamén. Non é a primeira vez que pasa que unha infraestructura fundamental na vertebración económica dun territorio,  por distintas circunstancias, se convirte en inútil ou non se leva a cabo a súa construcción.
Paradoxas da historia, fai 90 anos estábase a constituir en Mondoñedo unha asociación para evitar que o proxectado ferrocarril de Marín a Ribadeo enlazase co xa construído de Vilaoudriz e se aforrasen de facer, cando menos, os 35 km que xa se estaban usando. A asociación pelexaba lexítimamente porque ese ferrocarril pasase por Mondoñedo, pero esa loita so conseguiu que o desexado ferrocarril non se fixese.  Vilaoudriz quedou sin ferrocarril e Mondoñedo tamén. Ca autovía pasou o mesmo os da Pontenova quedaron sin ela e para os de Mondoñedo é como si non a tiveran.

Supoño que para levar a A8 por Lindín habería argumentos de peso, alomenos do mesmo peso dos que utilizaron as “forzas vivas” da capital episcopal naquel entón e que, entre outros, había un que dicía literalmente: “Supongamos cuanto suponerse puede, lleguemos a lo máximun, a lo absurdo de las concesiones y sentemos que por Mondoñedo tiene el ferrocarril de recorrido 25 km más que por Villaodrid, y, así, por Villaodrid tendrá 100 kms. Y por Mondoñedo 125. Pues bien, como viajeros y mercancías pagan por kms resulta que el beneficio líquido para la Empresa siempre será mayor viniendo el ferrocarril por Mondoñedo, porque suponiendo que por Villaodrid resulten de beneficio por kms. 1.000.000 de pts., por Mondoñedo resultarán 1.250.000. Es decir, que la Compañía incluso le conviene este alargamiento”.



Naide se extrañe pois de escoitar sandeces cando se trata de xustificar como imponderable a néboa que pecha reiteradamente a A8. O momento de ponderar a climatoloxía era na fase de estudo e proxecto agora está claro que non se pode. Neste caso bastaba escoitar aos veciños. 
Polo demáis parece imprescindible que as reiteradas novas da A8  non nos fagan perder de vista o estado das estradas que temos que sufrir cada día e que ten responsables en tódolos niveis da administración. As estradas nacionais (N640), as autonómicas (LU-124, LU-704, LU-740, LU-741), as provinciais (LU-P-1904, LU-P-4801, LU-P-4802, LU-P-4803, LU-P-4806, LU-P-4808, LU-P-4809, LU-P-4811) e as municipais, todas necesitan atención permanente e en moitos casos urxente. Do noso nivel de esixencia e da capacidade de presión dos nosos alcaldes vai depender o tempo que tarden en solucionalo.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO