BADALADAS EN TARAMUNDI

Hai días do verán en que no val do Eo, sen necesidade dunha capacidade olfativa extraordinaria, nótase ese cheiro a “repolo podre” que caracteriza os lugares onde hai instaladas fábricas de celulosa. O cheiro, por esas cousas extranas da meteoroloxía, percorre dende a costa de Ribadeo todo o val do Eo, ata chegar á Pontenova. Se cadra habería que sentir ledicia de que sexa pouco e poucos días. Nunca tiven moi claro eso dende que coñecín Navia no seu día a día.
Nos días de verán en que o recendo do Chao de Soutodemogos era nos amenceres a herba recén segada e nos mediodías a herba seca, seguramente porque o monte das Redondas non deixaba pasar aquelas brisas do Eo que transportaban outros cheiros do nordés. Neses días claros  sempre me chamou a atención o preto que se escoitaba a campá da igrexa de San Martiño de Taramundi. Todo hai que dicilo cando abría a fiestra, seguramente co sol xa ben erguido, unha das cousas que primeiro vía era o campanario da igrexa de Taramundi. Eu pensaba que as badaladas seguramente eran sempre iguais pero non todos os días se podían oir. Dicíame: se cadra poñendo certo interese  auditivo vounas oir todos os días.
Ao final de cada verán as badaladas de Taramundi eran moito máis claras e sonoras, seguramente non eran máis fortes pero eu estaba, auditivamente se entende, máis preparado para ouvilas.
Cos anos 70 ainda sin estrear, se cadra deixando de asistir á escola de Primitivo Gallo pola tarde, dacabalo dunha égua branca, viaxaba co grao para moer no muiño da Veiga da Zarza e co amoado para a empanada da Panadería Mousende.

Mentras Dionisio me preparaba a moenda eu levaba o amoado á Panadería onde Domnino me entretiña cos seus contos mentras a preparaba e esperabamos a sacala do forno e, aínda sin arrefriar, poñíama na égua amarrada con mimo para que non caera e para que quedara sitio para os sacos de fariña e para min.
Naquel pequeno espazo pasaba do son e o recendo do forno do pan ata o son e o recendo do muiño, deixando nas beiras do camiño o son dos martelos e as moas e o cheiro do carbón nas forxas dos navalleiros.
Non é difícil lembrar os contos de Domnino, as poesías de Dionisio e tampouco aquela manchea de sons que me facían compaña ata que entraba naquela especie de túnel de castaños que coutaban o camiño de Soutodemogos no Rego do Rañadoiro.
Aquel son cansino e monótono do muiño gañaba en rítmo musical ca infinidade de matices sonoros que saían das forxas de Alfonso, de Manolo de Mousende, de Amancio e doutros navalleiros dos que aínda coñecéndoos na súa apariencia física non son capaz de lembrar os seus nomes. Algúns teñen herdeiros do seu bo facer que seguen a tradición.


Se cadra aquela nenez indo e vindo da Veiga da Zarza a Soutodemogos e viceversa, coñecendo as voces das xentes, os sons e os recendos dos obradoiros artesáns, fai que agora, pasados os 50 anos siga mantendo certa sensibilidade polas voces, os sons e os recendos que nos chegan dende Taramundi. Cada día estou máis convencido de que aquela forma de vivir a miña nenez foi un tempo moi útil.
Como moitos días dende que na casa do Pérez de Baixo non hai lume a diario, fun ao Chao de Soutodemogos e abrín a mesma fiestra e alí estaba a mesma fermosura da paisaxe pero xa non podía ver o campanario da Igrexa de San Martín de Taramundi. Unha tupida cortina de pinos i eucalíptos fan que a miña fiestra perda a perspectiva da que tantos anos disfrutei.
Xa de volta encendín as fiestras informáticas do meu ordenador e co “windows”, valia a redundancia, e grazas a internet poiden abrir unha fiestra a Taramundi. Como naqueles días de verán na miña nenez, tamén se escoitaban voces e sons de Taramundi, e tamén podía ver a xente, os obradoiros artesáns e as obras. A fiestra do internet aínda non permite os recendos. Se cadra ninguén me crea pero estou seguro de que recendía distinto cando escoitei a Lalo inaugurando o Centro de Artesanía de Bres, convidando aos artesáns a instalarse nel e desmentindo con todo eso a aqueles que se empeñan en demostrar ca súa inutilidade política que nada se pode facer dende os concellos contra da crise que nos apreta e contra o despoboamento.
Xa que logo estaba en Taramundi, virtualmente neste caso, atopeime cunha navalla de máis de sete metros que se instalou en Pardiñas froito dun longo traballo e que homenaxea da mellor maneira posible aos artesáns de Taramundi.

Antes de apagar o ordenador mirei a data na que me atopaba. Xa se sabe, o internet pode traguernos a hoxe novas doutra época e parecer que son de hoxe mesmo. Non se trata de saber se tiña 7 anos ou xa pasaba dos 50, que deso xa se encarga o reloxo biolóxico do meu corpo. Trataba de saber si en todos os concellos estamos a vivir na mesma época de crise económica que serve a algúns para xustificar a morte por inanición política dos proxectos e das actividades das administracións públicas cara a crear espazos de esperanza e de futuro nos concellos pequenos.
Verificado. Trátase dunha nova da axencia EFE do 06/07/2013 ilustrada polas imaxes da RTPA e outra de La Nueva España do día 07/07/2013.
Antes de pechar a fiestra de internet, xa verificado a data na que estamos, dou un paseo por Galicia e párome en Celanova onde a oposición xustifica a rebaixa do soldo do Alcalde e outras dedicacións, así como a anulación das competencias da Xunta de Goberno e a recuperación das competencias que o pleno lle cedera ao alcalde en que «Non son necesarias as dedicacións parciais. Vostede non ten proxectos», manifestó Leopoldo Rodríguez, portavoz, quien calificó de mamandurria la política del grupo de gobierno, pues le parece «incoherente, irreal con ausencia de ambición e ilusión».
 Por ser positivos e aportar ideas, a miña é sinxela: Alcaldes, aplíquense o conto.
Se non hai proxectos nos que traballar, se non hai ambición e ilusión, se hai funcionarios e persoal laboral que poden e deben realizar as actividades habituais e  normais dos concellos en base a qué cencia infusa se xustifican as retribucións algúns alcaldes, concelleiros, asesores diversos e outra fauna marsupiomunicipal e provincial.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO