CON FUSIÓN. 50 ANOS

“Así lo dispongo por el presente Decreto, dado en Madrid a veinticuatro de julio de mil novecientos sesenta y tres”. Este é o remate do decreto de fusión dos concellos de “Puente Nuevo y Villaodrid”. Non tería nada de especial se non fose que firma Don Francisco Franco e o Ministro de Gobernación Don Camilo Alonso Vega.
Hoxe, 49 anos despois, podemos especular acerca dos motivos que levaron aos dous concellos á fusión. Tamén sobre os posibles paralelismos coas motivacións que poden ter hoxe outros concellos para decidir fusionarse. Este exercicio non debe facernos perder de vista que daquela os concellos non decidían nin pedían fusionarse. A fusión viña ditada pola “autoridade competente”, por moito que se vestise con actas de plenos e decisións de órganos colexiados. Puente Nuevo e Villaodrid non se fusionaron, fusionáronos por decreto. Ca fusión púxose fin ás numerosas liortas de veciñanza entre dous concellos condenados ao entendemento.
Seguramente sexa máis útil poñer o acento noutros acontecementos do 1963 e anos posteriores dos que non vou ser eu quen diga que non teñen a súa orixe na fusión, pero dito isto convén recordar que detrás destes acontecementos ten que aparecer sempre a vontade política ou persoal de cargos públicos e axentes privados implicados no desenvolvemento local. Se non existe a vontade política, a implicación e uns obxectivos claros, os pobos acaban por perder a iniciativa e esmorecen. Unha fusión pode facer agromar unhas expectativas que se non van acompañadas de proxecto e compromiso político rematan en frustración e son un exercicio inútil, perfectamente evitable se chega baleiro de contido e sometido a intereses alleos.
No caso de Puente Nuevo Villaodrid, Jesús Alonso Rodríguez foi a persoa designada para dirixir o novo Concello. Tivo iniciativas no eido público e no privado que marcan a dirección que pretendía para o proxecto conxunto, aínda que esas iniciativas nunca foran recoñecidas nin minimamente valoradas pola cidadanía e moito menos polos sucesivos gobernantes nin na época da ditadura nin posteriormente na democracia. Todo eso, o do recoñecemento me refiro, non lle quita mérito ningún, faltaría máis. En todo caso retrata a quen tivo oportunidade de ter feito ese recoñecemento e non o fixo.
No ano 1965 déronse os pasos necesarios para a creación da primeira Biblioteca municipal. Aínda que ata o 1967 non se teña feito oficial, foi realidade bastante antes. No ano 1967 a primeira traída de augas do núcleo urbano ten a autorización de industria, seguramente funcionou algún ano antes. Pero se hai un acontecemento público importante para aquel novo concello foi a creación dun Instituto de bacharelato de grado elemental no ano 1968, que a pesar da efémera existencia foi de vital importancia para universalizar o ensino medio na Pontenova e o seu entorno.
Se sumamos a biblioteca, o instituto e as numerosas escolas construídas naquela década, é fácil concluír que ninguén puxo tanto interese pola cultura e o ensino no seu concello partindo de tan pouco.
Se buscamos un acontecemento que destacar no ano 1963 no terreo privado empresarial, necesariamente hai que referirse á fundación de MAF, S.A., hoxe IPV. O proxecto industrial xurdido dos talleres de reparación da vila puxo no mercado vehículos innovadores que foron capaces de adaptarse a un entorno sen comunicacións axeitadas. As explotacións forestais empezaron a ser rendibles ao poderse transportar a madeira polos antigos camiños de carro sen necesidade de facer pistas novas.
Dalgún xeito MAFSA foi semente para outros proxectos industriais que por desgracia para A Pontenova floreceron fora, desenrolando unha mesma idea de vehículo todo terreo para grandes cargas e orografías complicadas. Entrar en porqués ou nas causas e consecuencias da loita por sobrevivir que hoxe mantén IPV deberá ser obxecto doutra análise particular pero iso non debe ser impedimento para recoñecer a importancia que tivo para A Pontenova dende a súa fundación. Sería moi inxusto non recoñecelo.
A presencia aquel 2 de maio de 1963 diante do Notario da vila D. Teodoro Azaustre Torrecilla de Don José Miranda González, Don Manuel Miranda González, Don Jesús Alonso Rodríguez, Don Isaac Alonso Rodríguez e Don José Fernández Veiga era algo máis que a constitución dunha empresa, en si foi a oficialización dun proxecto de emprendedores no que inicialmente primou o compromiso de empresa por enriba das individualidades e ambicións persoais.
Se alguén quer buscar paralelismos entre a fusión dos concellos e a constitución de MAF, S.A. seguramente as atope con claridade no proxecto fundacional. Se cadra na situación actual que atravesa o concello e MAF, S.A. hai notables paralelismos pero non son eu quen para explicitalos. En calquera caso Concello e MAF, S.A. cumpren 50 anos no vindeiro ano 2013. Parabéns.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

MAÑÁ TOCA VOTAR CON ...XEITO