Don Enrique Tierno Galván. 25 anos despois
Estimado Don Enrique:
Bótase de menos unha sociedade que opine máis aló das barras dos bares, que leve a súa voz e o seu camiño da man da ética, que non conciba a política como un produto de consumo para espectadores pasivos, ... un espectáculo vaia. Puro “márketing” de imaxe sen consistencia nin constancia material e moito menos de ideas.
Botamos de menos ao Vello Profesor Don Enrique Tierno Galván. O mesmo que asociamos á teta de Susana Estrada, aquela musa do erotismo que abriu as meniñas (as dos ollos) da contida e reprimida luxuria nacional e deixou entrar un pouco de fresco, non só na súa pel obxecto de desexo senón nunha sociedade aínda alcanforada e con cheiro a pechada. O mesmo que dixo “el que no esté colocado que se coloque y al loro”, que se interpretou pouco menos que como a apoloxía do porro. Botamos de menos a Don Enrique Tierno Galván.
Os que devorabamos con certa fruición aqueles textos de Raúl Morodo sobre o seu mestre, atopamos alí un obxectivo de modelo de política para levar a cabo na sociedade máis próxima. O exemplo e o modelo a practicar, seguir e implantar. Os que con 24 anos nos atopamos de fronte con actitudes contrarias no fondo e na forma,... vaia, absoluta e contundentemente contrarias á presencia de personaxes “estranos” no eido político. Os que sufrimos nas propias carnes, empresas e traballos aquela política ou aquela antipolítica; todos eses gardamos aquela esperanza outros 24 anos ata atoparnos de novo ca constatación dolorosa de que realmente eramos uns ilusos. Aínda así sigo pensando que Don Enrique Tierno non era un iluso, cando menos no fundamento das súas ilusións.
Levaba o mesmo traxe de verán que de inverno, non porque non sentira frío nin calor, senón como costume que en si mesma era unha actitude diante dos cidadáns e diante da vida. O mesmo daba e dá o entorno, o griterío, o ruído. Hai que facer o que hai que facer aínda que non teña o recoñecemento instantáneo, aínda que o balbordo tabernario incomode, semente a dúbida e a discordia. En política hai que ir sempre co traxe de faena, non hai horario nin ambiente axeitado nin desaxeitado. O tempo mídese de catro en catro anos, non hai tempo de prórroga. Pero de calquera xeito hai que saber cara a onde camiñamos e crer no que facemos e no que temos que facer para non rematar noutro sitio. Contra a crítica o único camiño é falar de política.
O mercado político encheuse de iconas e imaxes idílicas de persoeiros que venden ben, que gañan ben, sen un proxecto duradeiro e sen plan de traballo. O seu proxecto é unha entelequia no sentido irónico do termo. Non hai fin ou obxectivo que acadar, non porque os obxectivos estean acadados senón porque nos ofrecen o que non necesitamos para acadar o que non queremos. En fin que o proxecto consiste en vendernos fume, en definitiva.
Á par que os instrumentos, aparellos electrónicos e outros “Made in Taiwan”, son pouco fiables, consumen moito máis do que din as instrucións, precisan de catro enchufes de entrada e moitos máis de saída, de nada serven sen amplificador, ecualizador, estabilizador, cargador e alimentador, iso si permítennos facer e dispoñer de vinte posibilidades e oportunidades distintas das que nunca imos gozar porque nin os necesitamos, nin nos son útiles, non sabemos para que serven ou simplemente non nos interesan.
Dende este agnosticismo sobrevido polas circunstancias vitais e a información, pola experiencia e as relacións persoais que socavan as adhesións inquebrantables, esas que carecen de preguntas e non precisan de explicacións. Dende este agnosticismo ou “ateísmo grazas a Deus”, lembro, aínda sen chegar aos meus 10 anos cumpridos, aquelas procesións en Conforto, ao redor da Igrexa, que dicían daquela rogacións. Sigo sen entendelas, porque: ou non sabían que pedir, ou non sabían a quen pedir, non sabían cando pedir, non sabían onde pedir ou, sinxelamente, non lles facían caso. Todo seguía igual, despois da rogación, se chovía seguía chovendo, se nevaba, seguía nevando; iso si, todos ca conciencia tranquila e cargados de resignación, non sei si cristián, porque deron voltas ao redor da igrexa cargando cos santos, que pesaban o seu, e xa fixeron o que tiñan que facer. Se queremos resumir, deron voltas e andaron cargados pero non serviu para nada, ou iso é o que entendemos os que non temos unha mente capaz de crer o que non se ve.
Pero iamos falar de Don Enrique Tierno Galván. Non sei si admirar máis o seu agnosticismo, a súa actitude diante da realidade ou a súa calidade como alcalde de Madrid. Tamén admiro os seus bandos irónicos nos que empregaba unha linguaxe barroca que arremetía con certa saña, en certa medida ca relaxación das boas costumes e o civismo.
Está claro que Don Enrique, á vez que chamaba á atención aos cidadáns tamén os instruía, as súas rifas vía Bando da Alcaldía xeralmente non caían en saco roto, sobre todo porque se falaba delas durante moito tempo.
Frases como “mi mayor satisfacción en la Alcaldía es que voy a ver patos en el Manzanares” resultan todo un programa de goberno que cumpriu. Antes de ver os patos, quixo velos e traballou para velos. A ensinanza fundamental é que primeiro hai que querer e despois traballar, ningunha das dúas cousas serven solas.
Pasou nove meses nun campo de concentración pouco despois de rematar a guerra e, aínda así rematou a carreira de dereito no 1942, e no 1945 doutorouse. Quixo opositar pero o seu historial político impediullo.
No 1948 opositou á cátedra de Dereito Político e quedou segundo por detrás de Don Manuel Fraga, de quen tivo despois unha curiosa opinión: “ Fraga es un líder, pero es un líder discutido. Es un buen narrador de los males del país, es un comediógrafo que hace un buen planteamiento, llega al nudo pero no ofrece el desenlace. Esto es inadmisible en el teatro y también en la vida política”. Con Fraga carteouse ata que o de Vilalba foi nomeado ministro de Información e Turismo.
Foi unha persoa á que marcou a súa oposición á ditadura que lle custou a cátedra na Universidade de Salamanca. No mes de abril e maio de cada ano non pagaba o aluguer, como postura política reivindicativa do mes da república e do traballo. O seu caseiro, sogro de Boyer daquela, nunca lle chegou a reclamar cantidade algunha, non sei si ca complicidade calada de quen comparte as ideas ou por mágoa. No ano 1965 foi expulsado da universidade e as súas finanzas nunca foron moi ben. Sobreviviu dando clases e preparando oposicións a futuros diplomáticos. Curiosamente diplomáticos que despois serviron ao réxime franquista pero ca impronta de Tierno Galván que os levou máis a representar a España que a quen mandaba en España.
No ano 1967 funda o PSI (Partido Socialista del Interior). No ano 1974 cambialle o nome polo de PSP (Partido Socialista Popular) que liderou e rematou por integrar no PSOE, a pesares de que recoñecía públicamente que “políticamente no pinto nada en el PSOE”. Pensaba e dicía que “El PSOE cuando estaba en la oposición había educado al ciudadano para ejercitar una crítica voraz que luego no era capaz de aceptar para si mismo”.
Non comulgou entón cas tesis do PSOE pero a pesares das críticas abertas non lle gustaba que lle chamaran disidente, dicía “no me gusta serlo nunca, el término va impregnado de un cierto barniz de traición. Puedo ser opositor, contrario, adverso, pero mientras tengo un carnet en el bolsillo y pertenezco a un partido, soy leal”.
O PSP era o partido de políticos como Fernando Morán ou Raúl Morodo. Non debemos esquecer tampouco que foi o partido do profesor de filosofía José Clemente Pérez Orozco, agora alcalde de Lugo. E, seguramente influenciado polo seu profesor de filosofía, tamén militou no PSP o ministro de Fomento José Blanco.
O PSP, un partido cheo de persoas de gran calado intelectual e cun pensamento político que tiña moito que aportar a unha sociedade na que estaban integrados e dos cales vivían os seus problemas cada un dende o sector no que traballaba, non en vano os dirixentes do PSP mantiveron posicionamentos políticos durante a ditadura dende dentro do país, entrementres outros dirixentes políticos se mantiñan nun longo, triste e lamentable pero menos perigoso exilio.
O PSP, finalmente, fusionouse co PSOE por dous motivos: o primeiro foi a débeda que amontoou na campaña electoral do 1977, da que a devolución resultaba en extremo difícil dados os resultados obtidos; o segundo era o progresivo abandono da idea de independencia dos membros do partido.
Nunca antes de xaneiro do 1986 se xuntaran para un enterro en Madrid máis de un Millón de persoas. O día 19 de xaneiro do 1986 finou o Vello Profesor, Raúl Morodo foi o que o bautizou con ese nome, máis pola súa actitude fronte o tempo que lle tocou vivir que pola súa propia idade, pois aos 40 anos xa era o Vello Profesor.
25 anos despois, na prensa do 19 de xaneiro de 2011, só atopei un artigo de louvanza a súa memoria. En La Voz de Galicia, Ventura Pérez Mariño recorda no seu texto que con él foi o seu primeiro traballo, curiosamente un alcalde que deixou a política desencantado cas actitudes sociais e políticas tanto dentro como fora dos partidos.
Ventura empeza o seu artigo dun xeito que a min particularmente me puxo a reflexionar e que debería facer reflexionar a todo o mundo. “El tiempo hace caer en el olvido cualquier cosa por importante que esta sea. Ayer, 19 de enero, se cumplieron 25 años de la muerte de Don Enrique. ¡Don Enrique!”
Os que cumpriron agora 25 anos nin oíron falar nin coñecen nin a Tierno Galván nin o seu pensamento. Claro que son dunha xeración da que moitos pais non coñeceron nin lles importou a posguerra, a transición deulles igual, en definitiva moitos son aqueles pasotas dos anos setenta e oitenta que non moveron un dedo entanto outros queimaban e queimabamos a nosa xuventude loitando por dereitos e liberdades dos que hoxe gozan sen valorar porque non se valora aquelo que non costa. O máis triste que lle pode pasar a unha persoa de esquerdas e comprometida ca sociedade na que vive e ter que calar porque esta sociedade está chea de “salvapatrias”e “Mirlos Brancos” que seguen a queimar a todos aqueles aos que se achegan para acadar os seus obxectivos; os propios, non os comúns.
Queimarse non é aquelo que dicía un persoeiro tan coñecido como X.A.Touriñán: “se rematar queimado é estar traballando 6 ou 7 anos, eu quero que me queimen. !Estou aquí para arder...¡.
Atrás quedan os seus bandos, os patos do Manzanares e a teta de Susana Estrada pero chega a hoxe o pensamento dun mestre, dun alcalde e dun político comprometido, traballador e con un punto de utópico que é imprescindible para calquera que estea en política por ideas e non por outros intereses máis ou menos tramposos.
De Don Enrique dixo o díscolo líder dos socialistas madrileños que foi “un alcalde muy querido por socialistas y madrileños”. Gómez quixo lembrar a “un político poliédrico” que “demostró la importancia que tiene saber hacer equipos”, ya que “tuvo los mejores equipos que hicieron la mejor gestión” e que nunha década, primeiro Don Enrique Tierno dende o 1979 ao 1986 e despois Juan Barranco ata o 1989, transformaron Madrid de xeito que “fue referencia para la transformación de España”.
Pero é posible que non sexa tan importante o que dixeron del como a súa herdanza política que deixou nos seus libros, nos seus bandos e nos seus escritos, por elo non é ocioso lembrar algunha das súas frases máis célebres e celebradas:
-“Todos tenemos nuestra casa, que es el hogar privado; y la ciudad, que es el hogar público”
-“El poder es como un explosivo: o se maneja con cuidado, o estalla”
-“Los bolsillos de los gobernantes deben ser de cristal”
-“En política se está en contacto con la mugre y hay que lavarse para no oler mal”
En xuño do 1986 publicouse un libro de artigos de prensa cun título significativo:”El miedo a la razón”. Curiosamente no mesmo mes de xuño houbo que publicar unha segunda edición do mesmo libro xa que a primeira esgotouse. Polo visto non hai que ter medo á razón senón á ausencia dela.
Don Enrique Tierno Galván foi un alcalde respectado polos cidadáns e polos políticos da oposición e do propio partido. El foi capaz de gañarse ese respecto e aportoullo ao cargo que ostentou. Aínda hoxe algúns pretenden ser respectados polo cargo que ostentan sen decatarse de que o respecto non ven da man do cargo senón que é a mínima bagaxe que hai que levar dende fora cando se entra en política, hai que respectar aos demais e gañarse tamén o seu respecto. Ao peor a chave está no que dicía fai pouco Luis Tosar, o actor da Terra Chá, cando falaba dos nosos políticos: “Escoitan pouco, entenden menos e sóbralles moito despacho”. Elixir o embigo como paisaxe social fai perder a perspectiva e pola situación anatómica da cicatriz pode facer tropezar e esnafrarse.
Don Enrique Tierno Galván nunca consentiu en sacrificar o ben xeral en aras do seu interese particular; políticamente xeneroso, foi o máis activo, o máis motivado, o que transmitía máis optimismo e máis ilusión, a pesar da aparencia de colega da xuventude que se prexulgaba pasota.
Estivo no partido socialista para defender unhas ideas pero non ás persoas que renegaron desas ideas por intereses bastardos. Entendeu que debía lealdade ás ideas e aos proxectos pero non a ningunha persoa, sobre todo cando os feitos e as actitudes desas persoas, constatados e comprobables, víñano convidando a que aquelo que se entendía como unha lealdade persoal, sería a un tempo unha traizón ás ideas que defendía. Se se defenden públicamente unhas ideas non queda máis remedio que vivir de acordo con elas.
De calquera maneira para algúns os pensamentos políticos son coma o Manuscrito Voynich que despois de cen anos de investigación por universidades e servizos secretos, concluíuse que non se sabe o que é, pero ben poidera ser unha gran tomadura de pelo.
Hai conceptos e posturas políticas que non teñen cabida nesta sociedade, ao igual que non tivo cabida no gran “bluff” das televisións por TDT, canles coma CNN+ que rematou sendo substituída por Gran Hermano 24 horas. Foi a sociedade que nos tocou vivir así que toca tomala con un pouco de humor e poesía, aínda que sexan malos tempos para a lírica.
Escribía fai uns días no diario Público outro madrileño de casta como é Joaquín Sabina:
“Que guapo el impostor, que listo el trepa,
dan ganas de gritar: !Viva la Pepa ¡”
Un remata con esa sensación de: “quitáchesmo da boca”, e vaise a internet ler en silencio o griterío local, a prensa nacional ou ver as imaxes do día e, vendo o que hai, volve a ler a sabina para tomar folgos e atopa uns versos cos que identificarse:
"a pesar del tufillo perroflauta
que destila el internauta.
Cuando el mundo es un pañuelo,
en prosa, en verso, en rabia, en tinta fresca,
mi canción buscando gresca,
pondrá su grito en el suelo”.
Mañán é outro día e despois de todo penso que o Vello profesor segue sendo Tierno Galván pero o mestre, o exemplo a seguir sempre o tivemos aquí ao lado na raia con Asturias. Lástima que non cundira o exemplo e o que quedou foi a teta, e por desgracia non é a de Susana Estrada.
Comentarios
Felicidades por tu artículo y gracias por impedirnos olvidar.
Moitos chiscaron o ollo á esquerda e miraron soio co da dereita, xa atrofiado de tanto mirar para outro lado.
Moitos pretenden escribir a historia como se a vivisen pero simplemente pasaron por ela.
Para saber máis do autoengaño convén ler EPS desta fin de semán.
http://www.elpais.com/articulo/portada/truco/autoengano/elpepusoceps/20110710elpepspor_7/Tes
"sempre o tivemos aquí ao lado na raia con Asturias"
Carlos.
Polo tanto "en" ou "con" pero a min sírveme de modelo para o que hai que facer no meu concello.
Independentemente o labor de Tierno Galván en Madrid tivo as súas luces e as súas sombras e tampouco temos porque mitificar a xente. Eu tomo que un alcalde ten que servir aos cidadáns e nada máis, para iso está. Mesmo moitos cadros do PSP hoxe están no PSOE (Bono é un exemplo) e había de todo.
Sobre o segundo tema, non vou a dicir que Lalo non fixese moito por Taramundi, pero ese modelo "turístico" (e dígocho porque traballo nese eido) falla en moitas cousas: Taramundi sen os fondos europeos non sería nada ou por unha aposta de Pedro de Silva no seu momento, non se poden vender eucaliptos ao lado de casas rurais, non se pode facer unha casa do concello do arquitecto Gordillo (afín ás desgrazas socialistas en Asturias) que é un esparaván de feo e inútil, non se frea a despoboación, saberás coma min que moitas navallas están feitas en Ferreiravella e mesmo en Albacete e que nas tendas véndese de todo, a Reitoral é deficitaria e lévaa unha persoa que non coñece nin a comarca (posta a dedo), xa non falo dos neorrurais, ou que se vendan aspectos dos Teixois como se estiveses na Asturias central ou da falsidade do batán..., etc. Polo tanto, hai que mirar todo en conxunto e non ficar na superficie. ¿Pregúntaste porque nos últimos anos hai xente veraneando en casas da Pontenova que antes ían a Taramundi? Non viría mal un artigo sobre este tema. E repito non lle quito nin unha liña de éxito ao labor de Lalo, que a ten e moito, porque no medio houbo unha "alcadesa" chamada Celia que era un desastre completo. En todas as casas cocen fabas e na miña a caldeirados, di o refrán.
Unha forte aperta.
Carlos Xesús Varela Aenlle