CINCUENTA E CINCO TABERNAS

Eduardo Blanco Amor tiña a súa tertulia literaria na Taberna do Ribeiro, e dalí ben poida ter xurdido a idea da súa novela “A Esmorga” onde retratou o Ourense de entón pero tamén retratou unha boa parte dos persoeiros e feitos que vistos ou contados pode haber ou acontecer en calquera recuncho de Galicia ou do mundo mundial.

Os feitos vistos ou contados na taberna do Ribeiro e os persoeiros que os protagonizaron xa sómente quedan na retina pechada dos seus protagonistas.

Supoño que chegado aquí, aqueles que lean de cando en vez o meu blog estarán un pouco perdidos porque sempre que escribín algo foi sobre A Pontenova ou persoas da Pontenova.

Algún pensará que isto podería ser un homenaxe a Blanco Amor que fai en decembro 30 anos que finou, ou unha lembranza de “A Esmorga” que fai en outubro 50 anos que se publicou por primeira vez. Eu non pretendo tanto pero se alguén o entende así, sexa pois esa homenaxe.

O conto vai de tabernas ou tendas da Pontenova, non de calquera taberna ou calquera tenda, falarei de tabernas e tendas que ata fai uns anos tiñamos espalladas polas nosas aldeas e que foron desaparecendo pouco a pouco e das que resisten a duras penas pouco máis de media ducia.

Eu era capaz de lembrar algunha máis de 25, pero precisamente nalgunha desas tabernas que quedan e noutros lugares de leria e bo beber que hai na Pontenova, algúns persoeiros tabernarios, no bo sentido e con agarimo o digo, fóronme aportando unha boa chea delas que ben seguro que a moitos non lles soan de nada pero que formaron parte da nosa historia.

Ben seguro que nelas téñense contado e vivido historias que ben podían ser a inspiración literaria de moitos autores que tiveron a ben retratar a nosa forma de vida nos séculos pasados. Quén sabe se Cunqueiro se inspirou nalgún persoeiro das nosas tabernas para os seus tipos menciñeiros, feirantes ou familiares de Merlín.

Literariamente as tabernas e os muíños que se espallan por todo o territorio do noso Concello son escenarios de historias reais vividas ou contadas que forman parte da memoria dos nosos maiores e son o verdadeiro patrimonio inmaterial que nunca se puido recoller por motivos que sería moi longo de explicar e que non deixarían de ser opinables.

Ben están os “Contos da Polavila na Pontenova” se non fora que algúns son adaptacións de historias e lendas orientais que nada teñen que ver ca nosa cultura e ca nosa historia; en fin, contos chinos a prezo de historia local, pero iso queda para outra ocasión.

Volvamos ás tabernas da Pontenova, algunhas teñen nomes que ao mellor non lle soan ben ás persoas vinculadas a elas, pido desculpas se os nomes non son correctos, se non foron tales tabernas ou se me quedan algunhas no “tinteiro”. Se alguén sabe dalgunha máis, dalgunha historia “tabernaria” que tivera lugar nalgunha delas ou se sabe o nome correcto doutras, agradezo me faga chegar a corrección.

Estas son das que me lembro:

1.- A taberna do Pérez en Bogo (Máis tarde de Magadán)
2.- A taberna de Xintín en Vilarmide
3.- A taberna de Carballeira en Vilaboa
4.- A Tenda de Manolo na Ermida
5.- A taberna do Caseiro en Vilaeimil (ou de Rubinos)
6.- A Valdorta en Vilameá
7.- O Bar Difunto en Vilameá
8.- A taberna do Capador en Vilaouruz
9.- A taberna de Macón en Santo Estevo
10.- O Barracón de Conforto
11.- O Barracón de Jovita en Conforto
12.- A taberna do Túnel en Vilaoudriz
13.- A taberna de Alberto en Xudán
14.- A taberna da Parede nova en Xudán
15.- A taberna de Suabarra en Vilaxe
16.- A taberna de Camilo en Beche
17.- A taberna do Ferreiro en Santalla
18.- A taberna do Zarro de Pedro
19.- A taberna do Coxo en Lamarcide
20.- A Canceliña en Rececende
21.- A taberna do Aviego en Rececende
22.- A Casa de Antuxo en Rececende
23.- A taberna de Gallo no Mazo
24.- A taberna de Xanuco en Xinzo
25.- A taberna de Campos na Fraga das Reigadas
26.- O Mesón de Mota nos Teixedais
27.- A taberna do Zapateiro na Ermida
28.- A taberna de Trini na Ermida
29.- A taberna de Villa na Ermida
30.- A taberna de Dalmacio na Ermida
31.- A taberna de Jesusa na Ermida
32.- A taberna da Congostra na Ermida
33.- A taberna do Garabullo na Santa Apolonia
34.- A taberna do Chato na Santa Apolonia
35.- A taberna de Pimentel en Vilaxe
36.- A taberna do Caminero en Vilaxe
37.- A taberna de José Ramón en Vilaxe
38.- A taberna do Marelo en Lamarcide
39.- A taberna da Mariola en Rececende
40.- A taberna de Germán en Rececende
41.- A taberna do Andeano en Rececende
42.- A taberna da Ferreira en Vilaboa
43.- A taberna de Marcos en Vilameá
44.- A taberna de Eugenio da Pena da Cruz
45.- A taberna de Esmeralda da Tuxa en Neipín
46.- A taberna de Catalina de Venturia en Neipín
47.- A taberna do Queipo en Bogo
48.- A taberna do Conde en Sampaio
49.- A taberna de Lucas en Figueirúa
50.- A taberna de Coladas en Santalla
51.- A taberna do Louro en Xudán
52.- A taberna do Valego no Acebro
53.- A taberna de María de Toñín en Soutodemogos
54.- A taberna da Corrada na Casa de Campos en Sanxés
55.- A taberna A Parra na casa do Ferreiro en Sanxés

Como dicía da taberna do Ribeiro, as historias vividas ou contadas en moitas destas tabernas xa somentes están na retina pechada dos seus protagonistas. Que isto sirva para lembrar esta parte da nosa historia que tamén tivo a súa razón de ser, a súa utilidade social, á par que económica. Pero posiblemente foi a economía a que rematou con moitas delas, non quero pensar que entre os anos 1936 e 1976 puidese haber outros motivos para que as tabernas foran convidadas a extinguirse, pero, quén sabe?, a subversión e a conspiración poden xurdir en calquera curruncho onde corra o viño e no que a conversa non se apague cas imaxes da televisión. En fin, as tabernas eran un verdadeiro perigo pero iso é fariña doutro saco que convido a que alguén abra ca pluma afiada da liberdade de expresión.

Pero imos falar de tabernas vivas. Non é difícil imaxinar esmorguistas na Tenda de Manolo. Tampouco é difícil imaxinar a Carlos Sainz ou a Sergio Vallejo refrescándose dos duros entrenamentos para os rallies camiño da Ribeira de Piquín.

Para os alleos, será difícil imaxinar que na Tenda de Manolo, no Barracón de Conforto, no Antuxo ou na Canceliña de Rececende se poida tomar un cubata mentres fas a compra da semana (os macarróns, as sardiñas, o queixo, o viño, a froita,…) e probas aquelas botas para traballar ou uns zapatos para ir á misa. Posiblemente merques o deterxente da lavadora un “after shave”, unha “eau de toilette” ou un cepillo para os dentes.

Os que facemos de cando en vez a Ruta das Reigadas botamos de menos que naquel anaco de parede que queda non estea aínda a Taberna de Campos na Fraga das Reigadas, chegados alí e despois de disfrutar da ruta, e dun refrixerio na Casa do Fidalgo do Machuco, quédanos un treito duro que facemos ca esperanza de que a Tenda de Manolo estea aberta para rematar o roteiro tomando unhas cañas ben frías e se cadra probar unhas botas ou roupa para andar, dunha calidade que naide espera que haxa na Ermida. Os afeizoados ao sedeirismo saben que na Tenda de Manolo as cañas están ben frías e a roupa e o calzado axeitado teñen unha calidade excepcional e polos prezos… mellor preguntade alí, probade e veredes.

Longa vida ás tabernas da Pontenova.

Comentarios

José Manuel dixo…
Cesáreo do Vilar de Conforto ademáis de aportarme fotos e datos que irán saíndo na páxina, aportoume datos sobre as Tabernas da Pontenova. Xa estamos na número 56. A taberna da Casa de Manuel de Gallo no Vilar de Conforto non era unha taberna ao uso, era ese lugar de xuntanza que había nas nosas aldeas onde se socializaban ideas e se soltaban as línguas cando o viño corría ao redor dunha mesa, dunha partida e dun cheiro a caldeiro de polbo que nada lle envidiaba a Aurora do Carballiño. A taberna era a propia cociña da casa de Manuel de Gallo, reconvertida nun espazo onde os rapaces, avós e pais compartían lecer, leria e xogos. Como dicía antes, seguramente haberá moitas historias que quedarán sin contar pero aínda queda tempo para que algúns daqueles persoeiros tabernarios nos debullen os contos que escoitaron e que ben seguro teñen nun curruncho da súa memoria á espera de seren contados. Seguramente haberá máis tabernas das que facer memoria. Contémonos pois historias tabernarias ao tempo que contamos as nosas tabernas.
Bo, algunhas de esas xa nin na lembranza.. por certo a taberna de Xintin en Vilarmide , que xa non esiste antes era de Germán que antes tinhaa na casa na que moro eu nos veraos. Non sei se ainda funciona a do Conde en Sam Paio, de pequena e de nova pasein ben de veces por ali. Máxicas as tabernes da Galiza!

Publicacións populares deste blog

VOTAR COMO ANIMAIS

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

Como funciona a Galicia que FUNCIONA ¿..?