Gándara. Alguén haberá que sepa algo deste farmacéutico


Gándara. Somentes sei que no ano 1936 era farmacéutico. O resto é unha incógnita absoluta para min. Tamén necesita luz na historia.

Comentarios

Celtia dixo…
No baúl das fotos da casa de miña tia Isabel hai fotos de Gándara e de Torviso. Eu sempre escoitei que eles, xunto a Suso de Miguel, tentaron organizar unha clínica de sanidade pública na Pontenova e que atendían aos máis pobres. Suso escapou ao monte porque dos tres penso que era o único que tina afiliación política e o único que podía contar con ser fusilado. A Torviso e Gándara asasináronos axiña. E Miguelín (o pequeno dos de Miguel) morreu na cárcere da Coruña por cometer o delito de ser o axudante de Gándara na farmacia. Na miña família ninguén sabe onde está enterrado.
Riotorto dixo…
Téñolle oído falar de Gándaras a miña avoa (que foi de Rececende). Contaba que era un gran farmacéutico, e que coñecía remedios para moitas doenzas. Cando falaba del, sempre citaba tamén a Jesús Muruais, coñecido por Barciela, que era director da banda de música de Vilameá. Segundo contaba, os militares chegaran desde Lugo por Riotorto e Rececende (eles estaban segando e víronos pasar), collendo por sorpresa ós mineiros que defendían A Pontenova, que agardaban que chegaran pola estrada xeral.

Hai una páxina chamada Nomes e Voces http://www.nomesevoces.net/ que tenta recoller os nomes dos represaliados da Guerra Civil. Por exemplo, estes son os datos de Gándaras:

Ángel Pérez Gándaras
Execución
Home de 33 anos, Farmacéutico/a
Natural de Baralla (Lugo)
Veciñanza: Vilameá, A Pontenova
Morto o 13 de febreiro de 1937
Xulgado en Lugo por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Lugo.

Aquí veñen os veciños e naturais da Pontenova:
http://vitimas.nomesevoces.net/gl/buscar/?vecinanza=26
http://vitimas.nomesevoces.net/gl/buscar/?natural=26

Saúdos e parabéns polo blog

Eloi Treitas Foxaca
Riotorto
José Manuel dixo…
Benvido a este pequeno punto de encontro daqueles que temos a inquedanza de coñecer as persoas e os feitos que marcaron o pasado dos nosos pobos, neste caso tanto A Pontenova coma Riotorto.
Non sabemos moito do aspecto persoal e humano de persoas que coma Gándara, Torviso, Suso de Miguel e outros que estaban sendo precursores e promotores dun modelo de sanidade universal que provocou nas forzas fascistas locais un temor visceral á perda dos seus privilexios e rematou por represaliar e asasinar a todos eles.
Pero así como o asasinato parecía ser o máis grave que lles podían facer, hoxe ca perspectiva do tempo, paréceme que é aínda máis grave ese intento de borralos da memoria colectiva.
Os que agora andamos preto dos 50 anos, preto de 75 anos despois destes asasinatos, despois de máis de 30 anos de democracia, seguimos sin saber o porqué desta infamia e o porqué deste silencio.
Persoalmente interésanme máis testemuñas coma a que me contas de túa avoa que os datos que me aporta Nomesevoces, anque tamén son necesarios para recuperar para a memoria colectiva.
Graciñas Eloi, espero que este blog che poida aportar algo.
José Manuel dixo…
O 14 de febreiro de 1931, o Concello de Vilaoudriz nomeou a Pérez Gándara como farmacéutico interino. Coido que da farmacia agrupada de Vilaoudriz e Vilameá.
José Manuel dixo…
O 14 de febreiro de 1931, o Concello de Vilaoudriz nomeou a Pérez Gándara como farmacéutico interino. Coido que da farmacia agrupada de Vilaoudriz e Vilameá.

Publicacións populares deste blog

VOTAR COMO ANIMAIS

INDEFINICIÓN E DESLEIXO NA FORMA DE FACER POLÍTICA

O que a "verdade" esconde