QUÉN VAI...?
“Tal día coma hoxe fai ... anos que ...”, cada 15 de setembro, nas sobremesas da festa das Dolores en Viloudriz, na casa de Veiguiña ou na casa da Tía Pura, esta frase martelaba nos meus pensamentos de neno.
Primeiro era como un relato de medo que non sabía si quería ouvir, porén escoitaba cos ollos ben abertos como pensando que así ouvía mellor. Nos anos seguintes funme interesando polos detalles. Lembro a miña nai poñendo a man na miña cabeza de neno en tanto meu pai entraba timidamente no relato dos detalles que eu agardaba.
Cando xa axudaba a meu pai ca estrume, ca leña, ca herba, nas súas arteiradas de carpinteiro ou a facer as costelas de sanguiño para facer cestos nas noites de inverno, o relato saíu do escenario da Casa do Pérez de Baixo e levoume á Casa do Louro, ás estreiteces do camiño da Cambeira, ... . Un “puzzle” difícil de dixerir que mesturaba un atraco a man armada, dous asasinatos, o abrigo dun mestre, liortas veciñais, un xuízo militar e un relato oficial: “non hai probas da implicación dos acusados”.
A realidade queda nun relato familiar ata que circunstancialmente descubro que existe unha “Causa 510/46 do Tribunal Militar de Lugo” onde o “relato familiar” atopa un relato documental.
Mágoa que o Tribunal Militar IV non tivera a ben autorizarme aínda a obter copia da documentación que consta na causa 510/46, non porque eu necesite “verificar” o primeiro relato de meu pai nin de miña tía Josefa que moito máis tarde veu a poñer outros detalles daquela noite de terror que viviron con pouco máis de 20 anos.
Aquel 15 de setembro do 1946 fora un día de sol típico dos setembros de entón que apenas foi capaz de “levantar” a rosada do día anterior. Á media tarde, pola ladeira da Granda, a néboa arrastrábase entre os piñeiros como un agoiro de que e escuridade chegaba cedo. Pouco a pouco a néboa foi meténdose en tódolos currunchos do Chao.
Á noite xa todo estaba mollado.
No luscofusco algúns ouviron os estoupidos dos foguetes da festa dos Dolores de Viloudriz. Polo xeito deberon ser “foguetes de alborada”, xa que logo poucos no Chao os ouviron. Seguramente eran da “Pirotecnia Hnos. Linares” de Vilar de Guerra. Mariano, un dos irmáns, era o que mandaba nos falanxistas de Viloudriz e tralo golpe de estado do 1936 foi designado alcalde.
Farrucón volvía do monte cun feixe de toxo para a mula e, a modo de saúdo a un Dositeo afanado en cargar un último carro de esterco para o Avesío, díxolle: “Parece que remataron as Dolores”. Dositeo, entretido na súa faena, soltoulle un “o qué ó...?, el non ouvira nada. Os dous, Farrucón e Dositeo, estiveran na guerra no “bando nacional”, aínda que con vontades distintas. A súa presunta xordeira era ou non era, dependendo do quen o do que.
O Chao durmía, non quedaba luz ningunha acesa en todo o lugar, a noite era pecha pola néboa que o abrazaba todo. De madrugada petaron na porta, Manuel, meu avó, antes de apartar a tranca que atravesaba de lado a lado a rexa porta que aínda manteño, berrou “quén vai?”... Do outro lado da porta unha voz coñecida, afirmaría eu que de plena confianza de Manuel, convenceuno para abrir a porta.
De súpeto, 3 persoas encapuchadas e armadas, portando cadanseu farol de vela, entraron e mandaron calar. A miña avoa María Antonia, a meu pai Ángel e a meu tío Pepe leváronos á corte do cabalo. A meu avó Manuel e miña tía Josefa fixéronlles andar toda a casa preguntando insistentemente: “ónde están os 11.000,00 reais?... ónde están...?.
Non parecían estar dispostos a abandonar a casa sen antes atopar o “botín” dos 11.000 reais que polo visto sabían que estaban na casa. Non era unha cantidade desprezable para o ano 1946. Meu avó Manuel gardaba na casa eses cartos, non sei si para liquidar unha herdanza ou como froito do cobro dunha venta.
En tanto subían e baixaban da corte do cabalo, ían baleirando as huchas e desmantelando cómodas e armarios na procura do diñeiro. Entre ameaza de morte e agresión física ós secuestrados, houbo tempo para dar conta dos poucos chourizos que quedaban da matanza do ano anterior, do bolo da última fornada e dun cunco de manteiga rancia. Para rematar non faltou o grolo de augardente que quedaba na botella.
Pola fiestra da cociña, Manuel viu que o “coñecido” que o convencera de franquear a porta apuraba un cigarro amparado na escuridade debaixo do teixo de Farrucón. Era o encargado de manter a vixilancia para que todo fose segundo o planeado.
Rematado o “banquete” un dos atracadores puxo a pistola na cabeza de miña tía Josefa e dirixíndose a meu avó Manuel nun ton máis que ameazante, díxolle: “ou aparecen os 11.000 reais ou mato a túa filla”...
Derrotado, Manuel accedeu a darlles o diñeiro.
Conseguido o botín previsto, tamén se interesaron pola roupa. Naquel armario semiempotrado do comedor só quedou o macuto e a roupa militar de meu pai Ángel que estaba de permiso do servicio militar que facía en Ferrol no Castelo da Palma. Colgado nunha percha de madeira forrada de lenzo, tamén quedou o abrigo do mestre interino da escola de Souto de Mogos.
Cando Primitivo Gallo foi nomeado oficialmente mestre para o curso 1946-47, no mes de outubro do 1946, o mestre que cesaba veu recoller o seu abrigo. El mesmo abriu o armario no que xa só quedaba a percha ca súa prenda e marchou ca cabeza baixa como quen arrastra consigo un peso grande e deixando un silencio frío e ferinte para a familia que o tiña acollido temporalmente.
Os atracadores, despois de ameazar de morte a toda a familia, cargaron ca comida que quedaba, incluíndo medio unto e unha ola de pingo. Levaron a roupa, a comida e os cartos e marcharon amparados na sombras da noite cos farois apagados, non acado a saber se por estratexia ou porque as velas se esgotara despois de pasar tanto tempo na Casa do Pérez de Baixo.
A mesma noite, na casa do Louro, houbo un tiroteo no que morreron polos disparos os fillos de José María Rojas Rodríguez Federico e Manuel Rojas Álvarez. Ninguén no lugar ouviu nada. Ninguén contou nunca onde estiveron primeiro, nin se eran os mesmos os autores do atraco e dos asasinatos.
Manuel deixou viúva embarazada, dous fillos menores e xunto co seu irmán Federico un boiante negocio de compravenda de xamóns e de construción de bocois e un edificio a medio construír en Taramundi, na saída cara a Vegadeo preto da Fonte de Roña.
Aquela mesma mañá do 15 de setembro do 1946 Federico e Manuel viñan de rematar un negocio importante, un camión cargado de xamóns e bocois saía cara a Barcelona. Os bocois levaban como destino Cariñena, en Aragón, preto de Zaragoza e os xamóns eran para un cliente de Barcelona que os distribuía entre os mercados de Cataluña.
Federico, contábame meu tío Ramón que o coñecía de velo detrás da casa do Maragato facendo os bocois, vestía sempre de pana, con pantalóns amplos con volta na perneira, suxeitos cuns tirantes elásticos que tapaba cun chaleco da mesma pana e co lombo de tea de forro brillante da mesma cor. No peto do chaleco de pana levaba sempre un reloxo de prata amarrado cunha cadea do mesmo material que enganchaba nun botón do chaleco e colgáballe como un “entorchado de capitán”.
Cando non había faena cos bocois e tampouco xamóns para comprar, Manuel e Federico axudaban na casa nas labores da labranza. No mes de xullo recollían a herba seca para gardala nunha palleira de pedra que eles mesmos construíran.
Aquel xullo estivo ateigado de enfrontamentos veciñais por mor das presas, dos camiños estreitos entre noiros e paredes e as pequenas envexas, regueifas e liortas de cómaros e marcos que fixeron saltar chispas nun encontro de carros a altura da Cambeira. Os que baixaban co carro cargado de herba seca tiñan difícil manobrar para apartarse do camiño nunha das boqueiras das leiras da Veneira ou do Cabo de Riba que segundo a costume estaban para iso, para deixar paso uns a outros en boa veciñanza. Os que subían co carro baleiro e lixeiro, podían terse apartado sen dificultade nunha daquelas boqueiras de costume. O enfrontamento era inevitable xa que logo os carros, as xugadas de vacas e os peóns que as acompañaban situáronse cara a cara no máis estreito do camiño.
Os berros alertaron ós veciños que labraban nas leiras da contorna, porén só Dositeo se achegou para mediar na liorta. Nunha daquelas noites que a finais dos anos 60 en que él e “O Toreno” viñan escoitar a Pirenaica á Casa do Pérez de Baixo, contou con detalle como fora aquel encontro, asegurando que rematou en ameazas de morte cas varas erguidas para enfatizar a ameaza.
No medio dos seus relatos Dositeo soltaba un “¡Chiiissst...! ...Baixade a radio, xa está ese traidor escoitando”. Nunca puxen nome ao “traidor” nin souben por que escoitaba, porén tódolos maiores que asistían á “polavila” sabía de quen e de que falaba Dositeo. A min parecíame que tiña que ser unha persoa con moi bo oído e, dende a miña visión infantil, un home curtido e con pouco medo á escuridade da noite.
Os veciños detidos, acusados do atraco e dos asasinatos, “los cuales al parecer, algunos meses antes, profirieron amenazas a una de las víctimas; pero a pesar de ello la investigación sumarial llevada a cabo con prolijidad, resultó insuficiente para comprobar la participación de los mismos en el delito, y en vista de esto de conformidad con mi auditor de Guerra acordé el sobreseimiento provisional de las actuaciones, y la libertad de aquellos”.
“O réxime creou un aparato xudicial adaptado ós seus intereses políticos, resultando que a xustiza franquista foi un instrumento político para castigar ó opositor ideolóxico”.
“Os consellos de guerra convertéronse nunha verdadeira aberración xurídica”... “os xuíces eran os que romperan a legalidade”
“A consolidación da novas estruturas gobernativas nas provincias galegas en xullo do 1936, logo da sublevación militar, suporá o desenvolvemento de toda unha serie de complexos mecanismos destinados ao control exhaustivo da sociedade” (Do libro “Vixiados” de Emilio Grandío)
En realidade non houbo máis “actuacións” os dous acusados morreron moitos anos despois sen poder quitarse de enriba de xeito claro aquelas acusacións, aínda que sabían que tampouco ían ser condenados.
Ninguén vivo sabe a verdade dos feitos tal e como ocorreron e a aldea seguiu cunha convivencia máis ou menos “normal” nas formas pero cun fondo de desconfianza incardinado nas relacións de veciñanza que se concretaba periodicamente nas habituais axudas veciñais para as mallegas, a sega ou as esfollas que eran manifestamente desiguais cuns veciños e con outros.
O relato dos veciños tiña a súa motivación nas “ásperas” relacións de veciñanza dos acusados cos asasinados e as circunstancias pasadas, próximas ó “suceso”. O escurantismo xudicial do réxime abonou ese relato ó non seguir cas indagacións que exculparan ou condenaran definitivamente ós acusados.
O único que non “encaixaba” neste relato era o roubo na “casa de Manuel Álvarez Pérez de Chao de Souto de Mogos”.
En conversas familiares houbo referencias a outro relato dos feitos que implicaba a falanxistas que se movían nas parroquias de Lindín e Santa María Maior en Mondoñedo e que podían ter sido sicarios executores de vinganzas por negocios ou envexas. Eran os mesmos que cometían excesos no entorno de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá e Riotorto e que despois as autoridades franquistas atribuían os “maquis”, fundamentalmente a Trigo “O Gardarríos” . O que seguía sen cadrar era o atraco na casa do Pérez de Baixo, salvo que o pago ós sicarios foran os 11.000 reais de Manuel do Pérez.
Para iso había que ter a información e iso lévanos os sistemas de información e apoios do réxime na zona. Estamos entón noutro contexto e os marcos cambiarían.
Resulta difícil saber quen podía ter “filtrado” a información relacionada cos 11.000 reais, salvo unha posible pero improbable indiscreción dalgún familiar.
Unha das principais fontes de información do réxime, ademais dos curas, propagandistas confesos do réxime e depositarios de confidencias dos seus fregueses, eran os peóns de correos que miraban, escoitaban e sinalaban porque para iso foron postos cando se substituíron fulminantemente ós que conseguiran a súa praza durante a II República e non demostraron a súa inquebrantable adhesión ós sublevados. Na normativa de orde público ditada polos sublevados dicíase expresamente que “El ministerio de Orden Público comprenderá los siguientes servicios: seguridad, fronteras, inspección de la Guardia Civil, Correos y Telecomunicaciones, policía de tráfico... Se establecerá la adecuada conexión de los servicios de seguridad con el Ministerio del Interior, al efecto de secundar la acción política a este encomendada”.
Resulta rechamante que a prensa provincial, inzada de sucesos e crimes morbosos a diario, non se fixera eco daqueles feitos que conmocionaron a vida da contorna. Velaí a outra parte da estratexia do réxime e os seus apoios locais de silenciar todo aquelo que puxera en dúbida as súas bondades, a seguridade cidadá ou a “honorabilidade” dos seus cargos públicos.
Lembro a meu avó sentado preto da cociña económica comigo sentado nos seus xeonllos, era un home tan serio como agarimoso comigo, usaba un chaleco negro e unha boina lixeiramente torcida para un lado. A súa cara levaba as marcas dunha vida dura. Viúvo de Modesta Sanjurjo con dous fillos pequenos dese matrimonio, casou con María Antonia Díaz, miña avoa, ca que tivo outros dous fillos, Ángel, meu pai, e Josefa.
Pouco despois de ter sido vítima daquel atraco a man armada, empezaron a chegarlle con certa periodicidade multas gobernativas por non ter declarado toda a colleita de millo, logo a de trigo,... Era o máis parecido a unha estratexia de sometemento e intimidación propia e típica do franquismo e os seus apoios locais.
Lembro como recortaba o seu bigote e sen dicir palabra sentábase e permanecía en silencio ca mirada perdida en tanto miñas irmás e eu xogabamos ó redor del. Apenas un ano despois do atraco Maria Antonia finou sen ter superado aquela “desgraza” familiar e meu avó Manuel volveu a enviuvar e sumiuse nunha fonda tristura.
Cando finou no ano 1966 os comentarios dos veciños eran que Manuel perdera a cabeza. Dende a miña perspectiva de neno non entendía a que se referían. Logo contáronme que marchaba para a Cambeira e desfacía nas paredes da súa propia leira para anchear o camiño. Cando o ían buscar el sempre lles contestaba o mesmo, “hai que anchear os camiños para que pasen dous carros”. Alí, na Cambeira, segundo o relato dominante entre os veciños tiveron orixe tódolos crimes cometidos o 15 de setembro de 1946.
Manuel quería por remedio ó que xa era irremediable porén, como Xabier P. Docampo relata no “Cumpremortes”, “Nada do de atrás era mudable. O xa pasado iría con él para sempre, acertos e erros formaban un todo indivisible que se chamaba pasado inamovible”.
O que non é inamovible é o relato dos feitos. Sigo esperando a que o Tribunal Militar Territorial IV de A Coruña me autorice a acceder á documentación da causa 510/46 que segundo a amable contestación do responsable do Archivo Intermedio Militar Noroeste está depositada na caixa nº 190 do departamento 7. O que alí atope pode que me permita ampliar, modificar ou cambiar o relato.
Das sete casas do Chao xa só unha está habitada permanentemente. O resto, forman parte dese censo infame da "Península das casas baleiras" que gardan os segredos dos relatos da descomposición das familias, das épocas máis escuras da nosa historia e da ausencia de políticas a prol do noso rural.
A tranca e a porta seguen intactas na casa do Pérez de Baixo, “cando petan na porta pola noite”, ademais de saber “Quen vai”, antes de gardar a tranca na canle da parede e abrir a porta, afíxenme a preguntar cales son as intencións do que chama.





Comentarios