ACHÉGASE OUTRA BORRASCA…?


En novembro do ano 2022 a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, anunciou dentro do Plan de Infraestructuras Sanitarias da provincia de Lugo a ampliación do Centro de Saúde de Meira.

Segundo a daquela xerente do SERGAS Estrella López Pardo, a obra de Meira “suporá un importante beneficio para os profesionais e pacientes. Non só de Meira, xa que o centrao é tamén o PAC de referencia para os municipios do entorno, como A Pastoriza, A Pontenova, Ribeira de Piquín  e Riotorto”

Daquela, no ano 2022, a xerente do Sergas calculaba que o investimento en Meira superaría 1,5 millóns de euros e suporía a ampliación do inmoble que acadaría os 1200 m2.

O proxecto finalmente aparcouse. En xuño do 2024 o BNG, por medio da deputada por Lugo Olaya Rodil, preguntou no parlamento de Galicia sobre esta ampliación. Na Comisión de Sanidade o novo xerente do SERGAS, José Ramón Parada Jorgal, afirmou que o investimento ascenderá a 2,5 millóns de euros.  1.00 millón de euros máis do anunciado pola súa antecesora no cargo.

Como noutras moitas actuacións da Xunta noutros concellos de Galicia, A Pontenova entre eles, derivou a responsabilidade do retraso no Concello de Meira. Segundo a súa resposta na comisión, o proxecto necesitaba unha modificación urbanística que tiña que tramitar o Concello e aínda non estaba resolta.

Nos orzamentos da Consellería de Sanidade para este ano 2026 recóllense os créditos necesarios para a licitación das obras no Centro de Saúde de Meira, entre outros.

Segundo o SERGAS a “ampliación supón que as instalacións pasen de 368 metros cuadrados a máis de 1000. Entre as melloras figuran unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente e outra de técnicas.

Ademáis, mellorarase o Punto de Atención Continuada, cun box de críticos e máis habitacións de descanso. O PAC de Meira contará  cun espazo para albergar o equipo de ambulancias do 061”.

Ata aquí todo parece “normal” se non fose porque a historia de Meira e da Pontenova sempre nos demostrou que a medida que aumentan servizos en Meira, ímolos perdendo na Pontenova. 

Cando nos quitaron as gardas médicas de 24 horas, obrigousenos a ir a Meira para calquera urxencia fora dos horarios  do Centro de Saúde da Pontenova. Agora, segundo o que indican algúns dos sanitarios que prestan os seus “servizos” na Pontenova, para calquera urxencia, a calquera hora do día, con independencia de que o Centro de Saúde estea aberto ou non, hai que ir ó PAC de Meira.

Cando desapareceu  a oficina de extensión agraria da Pontenova, calquera xestión relacionada cas explotacións gandeiras de produción ou autoconsumo, ten que realizarse en Meira.


Agora que non temos farmacia de garda os fin de semana, temos a certeza de que en Meira si está aberta.

No seu día levou un intento o IES cando se pretendeu que os alumnos de Riotorto fosen asignados o IES de Meira e ter un “argumento” para pechar o da Pontenova. 

A situación do Centro de Saúde da Pontenova non permite albergar ningún tipo de esperanza da súa continuidade cos mesmos servizos que ten, supostamente, ate o de agora. Convén ir tomando nota de que á Xunta de Galicia non parece ter ningún interese en solucionar as deficiencias de persoal nos centros de saúde da Pontenova, Riotorto, Ribeira de Piquín, Riotorto,... e da un paso adiante na centralización destes servizos. Tempo o tempo.





Nunha conversa cun político en activo relacionado co asunto, adiantoume que o “tema do Centro de Saúde  de Meira”  saía adiante neste ano impulsado pola Xunta de Galicia cara ás eleccións municipais do 2027. A saber por onde van os “vieiros” da política local para entón. Os fichaxes de alcaldes é unha prioridade para o PP e non vai escatimar en medios para traer ó seu “rego” tódolos que poda e polo método que sexa, mocións de censura onde se poda (Viveiro por exemplo) ou “captación”, “compra” ou “fichaxe” daqueles alcaldes que consideran “necesarios”. Interésalle consolidar o poder local en Lugo, no que vai incluída a Deputación Provincial.

Na mesma conversa explicóuseme con detalle a ampliación do Polígono Industrial de Meira que tamén vai ser inminente. Xa teñen expropiado e vaise concretar por medio de XESTUR  un investimento “importante”. Anque o meu “interlocutor” parecía “arrepentido” de terme explicado todo esto, xa estaba dito e eu xa tiña captado a “letra e a música”.

Esto “xa o vin antes”, baixei pensando dende Meira. Un “déjà vu” para decilo finamente. 

Mentres se desmantelan servizos na Pontenova, é posible que estean investindo en Meira para “trasladar” eses servizos alí.

Mentres se poñen todos os atrancos para unha “ampliación-legalización” do polígono da Pontenova, vaise facer un importante investimento no Polígono de Meira.

A reflexión pode ser que dende a Xunta de Galicia estase artellando unha “Galicia que funciona” pero onde eles queren que funcione para cumprir os seus obxectivos partidistas e, como con outras moitas actuacións, dáse un pasiño máis no desmantelamento programado do rural ca Pontenova e outros concellos como vítimas e os concellos elixidos como beneficiarios temporais.

Digo “temporais” porque son un sinxelo escalón na centralización total dos servizos na capital da provincia.

Tamén puidera ser que os alcaldes que traballan e xestionan obteñan resultados para os seus concellos,... ou non. Quen sabe...¡¡¡

As “isobaras”, esas liñas que vemos nos mapas do tempo, canto máis xuntas están peor é o tempo que nos espera. Non sei si estas dúas “liñas” de actuación da Xunta de Galicia en Meira traerán chuvia, pero de tan xuntas que as vexo parece que van traer ventos que se van levar por diante dereitos dos veciños da Pontenova.

Hoxe o que está claro é que achégase outra borrasca e ademáis de facer frío, se “chove” como ata agora, esta terra non traga máis e pode desbordar. Só falta saber por onde “desborda”.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PORÉN (1)

ESTO EMPEZA A ARREFRIAR

25 ANOS NON SON NADA